Rematou o 27373

Este fin de semana puidemos gozar desta primeira edición do Festival 27373. Era a primeira vez que a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario organizaba un evento destas características. Un evento que xa figuraba nas primeiras asembleas de soci@s, pero que ata o de agora non nos atreveramos a organizar.
Foron uns meses de traballo duro, de incertezas, de nervios, de problemas, pero tamén de ilusión, de esperanza. Este sábado pasado todo iso evaporouse para simplemente, gozar dun día marabilloso de verán, nun entorno máxico e ideal para este tipo de eventos como é o Club Fluvial de Begonte, das actuacións para os nenos e nenas, que aprenderon coa Ciencia Entretida grazas ao traballo cheo de paciencia de Teatro do Miolo, que quedaron engaiolados pola maxia do Carballo con botas e que gozaron a tope dos inchables e dunha intensa festa da escuma. Só por ver algunhas caras deses meniñ@s mereceu a pena o esforzo.

Pola noite puidemos bailar e saltar coa actuación de Guezos, impecables no seu directo facendo un espectáculo que ao vivo gaña moitos enteiros. Quedamos abraiados ante a contundencia lírica enerxética de Labregos do tempo dos Sputniks, un espectáculo que ninguén se debería perder. E gozamos coa potencia rockeira dos Avante! que, a pesares dos problemas, fixeron un concerto contundente. Os tres grupos amosaron o seu compromiso coa cultura e a pesares do escaso público asistente dérono todo enriba do escenario. Os seus parabéns e ánimos para seguir na xeira, foron ben recibidos polos membros da Asociación.

Rematado o festival é hora de facer balance, de ver os acertos e os desacertos, para corrixilos, porque en vindeiras edicións de seguro que haberá erros, pero serán outros, porque destes hai que intentar aprender.
A única pega importante foi o pouco público asistente ao Festival de noite, unha auténtica mágoa. Nun Concello onde non sobran os actos culturais (en realidade, a cultura nunca sobra en ningures), onde non hai ningún evento similar, a resposta da xuventude begontina foi fría, mais como dicía o Zeca Afonso: “o povo é quem mais ordena“, é haberá que insistir para que ordene outras cousas.

Para rematar, dar as grazas a todos os que colaboraron dun xeito ou outro coa realización do Festival: ao Club Fluvial de Begonte por ceder tan fantásticas instalacións; a Marcos Vigo polos carteis e camisetas (tan gabados durante o festival); a Pablo Gómez pola infraestrutura (vaia backstage montamos, eh!) e polo apoio incondicional. As asociacións de Xermolos, sempre apoiando, e a Cultura do País, que tanta falta fai. Agardamos non ternos esquecido de ninguén…Por último agradecer aos grupos a súa presenza, o seu apoio e por suposto, a súa música.

Como dicía miña bisavoa: ¡de hoxe en un ano!
Festa e cultura.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: