¡¡Unha nova edición das Foliadas de Outono de Castiñeiro Milenario xa está aquí!! Vai reservando a data do 14 de decembro para achegarte a Begonte e gozar dunha xornada de baile e música tradicional.
Como sempre, comezaremos a xornada foliadeira cun tempo adicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un interesantísimo obradoiro de baile tradicional que impartirán as mozas de Andar cos tempos, Chus Caramés e Carme Campo, dúas bailadoras, mestras de baile e educadoras no ámbito da educación non formal. O obradoiro comezará ás sete e media da tarde e terá unha duración aproximada de hora e media e está aberto a calquera persoa que desexe ter un achegamento ao baile tradicional. O custe para persoas non socias é de 10 euros, mentres que para as persoas socias de Castiñeiro Milenario será de balde. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou chamando ao 616705174.
Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente intervirán Buxos Verdes desde Vilalba e Foliada de Bosende desde Lugo. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.
Agradecemos a Buxos Verdes, Foliada de Bosende e a Chus e a Carme de Andar cos tempos a súa presenza e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo. Tamén agradecer o traballo de Brais García, deseñador do cartaz desta nova tempada de foliadas.
1 comentario (+ o teu?)