Botamos fóra esta invernía de dous anos e, por fin, demos a benvida á Primavera. Saímos ao monte, collemos unhas flores, fixemos un maio, fermoso e colorido, cantamos ao seu redor e o máis importante, intentamos expulsar o inverno pandémico das nosas vidas. A liturxia do maio é maxia pura e se de fondo soa a zanfona de Pablo Pintor, o momento só pode ser sublime. Así que coa música da zanfona e as cantigas de Branca Villares rematamos o noso maio.
Despois do maio tivemos a estrea mundial de Xeso Mago. Que Xes elixira a Castiñeiro Milenario para facer o seu debut en público foi un orgullo, pois esa data quedará na súa memoria para sempre e tamén na nosa, pois a actuación foi grandiosa.
Na parte musical, comezamos a foliada cunhas Foliadeir@s do Castro que duplicaron as súas compoñentes, moitas delas tamén cantaban e tocaban por primeira vez en público, agardemos que non fose a derradeira e poidan seguir abrindo foliadas moitas máis veces. Despois da obrigada parada polo Covid, tiñamos que argallar unha foliada un pouco especial, así que aproveitamos para presentarmos en público a Treitoira, o novo proxecto musical de Castiñeiro Milenario do que iremos avanzando novidades despois do verán, pero de momento, presentaron catro pezas para ir abrindo boca. Agradecer a presenza dos nosos mestres de gaita (Uxío Vaamonde) e percusión tradicional (Miguel Anxo López “chino”) e dos incomparables Brais Monxardín e Pepe Vaamonde. A verdade é que nin nos mellores dos soños podiamos imaxinar tocar con eses xenios da música tradicional no noso debut. Nós tampouco esqueceremos nunca esta data.
Despois houbo foliada rachada cos compañeiros de Penas de Rodas e toda canta xente se quixo unir a esta festiña que agardemos sexa o inicio de certa normalidade.








