Semella que as cousas volven ao rego, paseniño, pero volven. Así que, despois de tres anos, a Sociedade Micolóxica Lucus e a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario presentamos unha nova edición do Paseo Micolóxico. No local da Asociación Veciñal do Castro e a partir das dez da mañá do domingo 25 de setembro, as persoas asociadas das dúas organizacións imos realizar un paseo micolóxico por algunhas das fragas do Concello de Begonte, co obxectivo de poder estudar e identificar os cogomelos no seu propio hábitat. Despois deste paseo, organizaremos unha comida conxunta de confraternidade no mesmo local social, cedido de xeito desinteresado para a ocasión. O xantar e a bebida achegarase por parte de ambas asociacións, aínda que calquera soci@ que o desexe pode aportar voluntariamente algunha preparación para complementar a mesma e compartir cos asistentes.
Programa e horarios aproximados da actividade:
10:00 horas Comezo do paseo micolóxico.
13:30 horas Remate do paseo micolóxico.
14:30 horas Xantar comunitario.
O Paseo Micolóxico é unha actividade de balde para @s soci@s de ámbalas dúas asociacións, mesmo o xantar correrá a cargo de SMLucus e a AC Castiñeiro Milenario. O prazo para anotarse remata o xoves 22 de setembro pola tarde e podes facelo mandando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou a través das nosas redes sociais
PD: por problemas alleos a Castiñeiro Milenario aínda non puidemos pasar as cotas do ano 2022, consideraremos soci@s a todas as persoas que xa achegaron a documentación precisa. Probablemente ao principio da semana que vén, se nada se torce de novo, faremos o cargo do recibo correspondente a este ano 2022, desculpade as molestias.
