Actos: Xornada billardeira na Festa de Xuventude de Begonte

¡Volve a billarda ao Club Fluvial de Begonte!

Este sábado 13 de maio temos unha Xornada Billardeira, dentro da programación da Festa da Xuventude que organiza o Concello de Begonte.

A partir das 17:00 horas podes vir probar este xogo tradicional co asesoramento d@s nos@s palanador@s e xogar un Aberto de billarda. Nos levaremos material para que todo o mundo poida probar a sensación marabillosa de petar contra a billarda e gozar do bo ambiente billardeiro.

¡Non esquezas anotarte no mesmo campo de xogo! ¡Haberá premios para as gañadoras!

Advertisement

Actos: Foliada de Primavera, os maios

Este sábado seis de maio, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro en Begonte e a partir das seis e media da tarde daremos comezo ao maio de Castiñeiro Milenario. Iniciamos a actividade cun pequeno paseo para apañar flores, fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos pola nosa meiga da Primavera, a nosa benquerida Branca Villares faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus ao inverno.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove e media, comezará a festa cunha foliada aberta para que participe quen queira. Trae o teu instrumento e anímate a facer a festa da primavera de Begonte ata que os corpos aguanten.

Queremos agradecer, como sempre, a Branca Villares, a súa total entrega nesta historia, os maios sen ela, non son o mesmo e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

Como curiosidade, o cartaz desta foliada foi xerado por unha intelixencia artificial, coas palabras clave, nenos, nenas, flores de maio, paisaxe galega. Xulgade vos mesmos.

Actos: Foliada de Inverno 2023

¡Nova edición da Foliada de Inverno de Castiñeiro Milenario! O sábado 11 de marzo temos unha cita ineludible coa nosa música, o baile tradicional e coa festa arredor do noso.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un obradoiro cun deses instrumentos galegos tan propio da montaña como é a trompa ou birimbao. Daniel do Pando, recoñecido tocador da trompa, impartirá un obradoiro de iniciación a este instrumento. O obradoiro, de nivel iniciación, ten unha duración aproximada de catro horas e consta dunha parte teórica para tratar temas como a historia, afinación, limpeza… e outra práctica como o agarre, ritmos básicos, melodía, etcétera. A cada participante deixaráselle un instrumento para o obradoiro. O inicio está programado para as cinco de tarde. O prezo é de 15€ para as persoas asociadas de Castiñeiro e de 20€ para o público en xeral. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com, chamando ao 616705174 ou por calquera das nosas redes sociais.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente Xaora será o grupo encargado de continuar a festa. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Daniel do Pando e a Xaora a súa presenza na foliada e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

Actos: Inverno Cultural

O Inverno Cultural consiste en tres visitas guiadas a lugares de interese da nosa contorna. Esta actividade é exclusiva para socias/os da asociación.

Visitaremos estes tres lugares:

Parladoiro Museo

Casa Museo Manuel María

Museo das cousas de Pepe

Iremos anunciando as datas a medida que se vaian confirmando, pero sería unha por mes.

A primeira é o vindeiro sábado 21 de Xaneiro ás seis da tarde no museo O Parladoiro,en Matela, Outeiro de Rei. Quedaremos en Begonte para ir nos nosos coches todos xuntos ás cinco e corenta e sairemos ás seis menos cuarto para chegar puntuais. Se alguén prefire ir directamente, sen problema.

Alí teremos como anfitrión a Manuel Barreiro, profesor de lingua galega e familiar do dono do museo, Moncho Vivero. Explicarannos a procedencia das pezas que se expoñen e tamén algo de historia da Chaira.

Para apuntarvos, xa que esta actividade é para socios, podedes facelo polos medios habituais (correo castineiromilenario@hotmail.com ou nas nosas redes sociais)

Agardamos que sexa do voso interese e que vos animedes a participar.

Saúdos

Foliada de Outono 2022: Dando a Lata

¡Estamos de volta cunha nova edición das Foliadas de Outono de Castiñeiro Milenario! Reserva a data do 19 de novembro para achegarte a Begonte e gozar dunha xornada de baile e música tradicional.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un moi interesante obradoiro de percusión tradicional. O noso ben querido Roberto Rodríguez, impartirá un obradoiro de iniciación ao toque coa Lata de pemento no repertorio de cantares para o baile tradicional. O obradoiro comezará ás sete e media da tarde e terá unha duración aproximada de hora e media e está aberto a calquera persoa que desexe ter un achegamento a este instrumento popular. O custe para persoas non socias é de 15 euros, mentres que para as persoas socias de Castiñeiro Milenario o prezo será de 5€. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com, chamando ao 616705174 ou por calquera das nosas redes sociais. Se non tés lata de pemento, a organización tentará de ter latas para todas.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente intervirán o dúo Gaiteirada desde Lugo e , despois duns anos, volven ás foliadas de Castiñeiro os amigos de Axeigo. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Gaiteirada, Axeigo e a Roberto Rodríguez a súa presenza na foliada e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

Foliada de outono de castiñeiro milenario. 19 de novembro. Obradoiro de lata de pemento e foliada con gaiteirada e axeigo

Paseo micolóxico 2022 (só para asociad@s)

Semella que as cousas volven ao rego, paseniño, pero volven. Así que, despois de tres anos, a Sociedade Micolóxica Lucus e a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario presentamos unha nova edición do Paseo Micolóxico. No local da Asociación Veciñal do Castro e a partir das dez da mañá do domingo 25 de setembro, as persoas asociadas das dúas organizacións imos realizar un paseo micolóxico por algunhas das fragas do Concello de Begonte, co obxectivo de poder estudar e identificar os cogomelos no seu propio hábitat. Despois deste paseo, organizaremos unha comida conxunta de confraternidade no mesmo local social, cedido de xeito desinteresado para a ocasión. O xantar e a bebida achegarase por parte de ambas asociacións, aínda que calquera soci@ que o desexe pode aportar voluntariamente algunha preparación para complementar a mesma e compartir cos asistentes.

Programa e horarios aproximados da actividade:
10:00 horas Comezo do paseo micolóxico.
13:30 horas Remate do paseo micolóxico.
14:30 horas Xantar comunitario.

O Paseo Micolóxico é unha actividade de balde para @s soci@s de ámbalas dúas asociacións, mesmo o xantar correrá a cargo de SMLucus e a AC Castiñeiro Milenario. O prazo para anotarse remata o xoves 22 de setembro pola tarde e podes facelo mandando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou a través das nosas redes sociais

PD: por problemas alleos a Castiñeiro Milenario aínda non puidemos pasar as cotas do ano 2022, consideraremos soci@s a todas as persoas que xa achegaron a documentación precisa. Probablemente ao principio da semana que vén, se nada se torce de novo, faremos o cargo do recibo correspondente a este ano 2022, desculpade as molestias.

Anterior Entradas máis antigas

A %d blogueros les gusta esto: