Fotos: Foliada de primavera

Deixamos algunhas das fotos da foliada

Advertisement

Fotos: Inverno Cultural (III)

O Parladoiro Museo

A primeira actividade do ano non podía empezar de mellor xeito, xa que, o Parladoiro Museo é un lugar que merece moito a pena de ser visitado.
Un sitio pequeno, pero deseñado dun xeito magnífico e cun gusto exquisito, cheo de pequenas xoias do noso pasado máis recente e pezas únicas do pasado máis afastado e, por riba de todo, a amabilidade, coñecemento e paixón que transmite Moncho Vivero fan, do Parladoiro Museo, un lugar de visita obrigada.
Agradecer a Manolo Barreiro por facernos de anfitrión e a todas as socias que se achegaron para gozar desta visita marabillosa.

Casa-Museo de Manuel María

Segundo acto deste Inverno Cultural á Casa Museo de Manuel María, lugar de obrigada visita para calquera persoa chairega ou do resto do mundo. Grazas a Antón Laxe pola amena visita guiada que nos fixo.

As Cousas de Pepe

Rematamos estas visitas ao museo As Cousas de Pepe, lugar especialmente interesante para calquera coleccionista, porque a cantidade, variedade e importancia dos obxectos que Pepe de Pígara foi gardando e clasificando ao longo dos anoa é impresionante. Grazas a Pepe pola visita guiada, un home que amosa a súa paixón en cada obxecto que describe.

Fotos: Foliada de Outono 2022

As lapas das foliadas de Castiñeiro seguen vivas e quentando unha tarde chuviosa e desapacible, pero que ao final resultou moi quentiña e agradable.

Comezamos a foliada cun interesantisimo obradoiro para aprender a tocar a lata de pemento. Gracias A Roberto Rodríguez que nos puxo en contexto ese instrumento chamado “pobre” pero que ten unha forza e un xeito impresionante.

Na foliada tivemos un agarimoso momento para lembrarnos de Josiño, do dúo Gaiteirada que, por problemas de saúde, non puido asistir. Agardamos que o aplauso de todas as presentes che envíe forza para seguir. Despois comezaron a festa, o grupo local das Foliadeiras do Castro, cunha Branca Villares desatada, que puxo desde o primeiro momento o torreiro a bailar. Remataron os Axeigo e, ¡que dicir deles! Vaia musicazos tan impresionantes, fixeron festa rachada e da gusto velos tocar. A cousa rematou pasadas as dúas de mañá e xa ninguén se lembraba desde día desapacible co que empezou a foliada.

Gracias a todas e todos os que vos achegastes, grazas aos bailadores e bailadoras que fan a festa máis grande, grazas a Gaiteirada, a Axeigo e ás novas incorporacións de Foliadir@s do Castro e tamén a Aloumiña, que sempre nos pon todo moi fácil. Grazas á Asociación Veciñal do Castro por prestarnos ese marabilloso local que teñen.

Vémonos na Foliada de Inverno.

A setas e a rólex

Este fin de semana supuxo un paso máis cara a normalidade e recuperamos os fermosos Paseos Micolóxicos xunto á nosa benquerida Sociedade Micolóxica Lucus pero como somos xente activa e nos presta complicarnos, ademais do paseo tiñamos xornada de billarda na LNB, é dicir, este domingo andamos, como dicía o chiste a setas e a rólex (billardas).

A setas

A xornada comezou ás 10 da mañá na Casa do Pobo do Castro como punto de partida. Dada a prolongada seca deste ano e sospeitando que non habería moitos cogomelos, decidiuse dar o paseo á beira do río pola zona da lagoa do Ollo. Grazas aos ollos expertos dos nosos guías, á súa experiencia e ao seu inmenso coñecemento puidemos identificar algunhas cantas especies e aprender un feixe de cousas sobre os cogomelos e da natureza en xeral. A xornada, como sempre, rematou cun xantar comunitario entre as socias das dúas organizacións.

A rólex

A xornada continuou ás 11 da maña do Campo de Veiga do Olmo en Castroverde. Primeiro chanzo nunha nova edición da Liga Nacional de Billarda e terceira vez que un equipo de Begonte está representado. A xornada foi magnífica, cun campo en perfectas condicións e unha climatoloxía fantástica para que as palanadoras fixesen zoar as billardas polo ceo castroverdés. Unha xornada máis no equipo de Castiñeiro as palanadoras foron maioría e a actuación do equipo foi moi boa, tendo no palán de Pablo Gómez a posibilidade de subir ao caixón dos vencedores por primeira vez na nosa historia; finalmente, o desempate non foi favorable e quedou nunha magnífica quinta posición, a mesma posición que ocupou o equipo.

Para rematar, xuntamos ambas actividades e fixemos un pequeno obradoiro de billarda para membros da SMLucus, algún dos cales dáballe con bastante xeito.

Fotos: Foliada dos Maios

Botamos fóra esta invernía de dous anos e, por fin, demos a benvida á Primavera. Saímos ao monte, collemos unhas flores, fixemos un maio, fermoso e colorido, cantamos ao seu redor e o máis importante, intentamos expulsar o inverno pandémico das nosas vidas. A liturxia do maio é maxia pura e se de fondo soa a zanfona de Pablo Pintor, o momento só pode ser sublime. Así que coa música da zanfona e as cantigas de Branca Villares rematamos o noso maio.

Despois do maio tivemos a estrea mundial de Xeso Mago. Que Xes elixira a Castiñeiro Milenario para facer o seu debut en público foi un orgullo, pois esa data quedará na súa memoria para sempre e tamén na nosa, pois a actuación foi grandiosa.

Na parte musical, comezamos a foliada cunhas Foliadeir@s do Castro que duplicaron as súas compoñentes, moitas delas tamén cantaban e tocaban por primeira vez en público, agardemos que non fose a derradeira e poidan seguir abrindo foliadas moitas máis veces. Despois da obrigada parada polo Covid, tiñamos que argallar unha foliada un pouco especial, así que aproveitamos para presentarmos en público a Treitoira, o novo proxecto musical de Castiñeiro Milenario do que iremos avanzando novidades despois do verán, pero de momento, presentaron catro pezas para ir abrindo boca. Agradecer a presenza dos nosos mestres de gaita (Uxío Vaamonde) e percusión tradicional (Miguel Anxo López “chino”) e dos incomparables Brais Monxardín e Pepe Vaamonde. A verdade é que nin nos mellores dos soños podiamos imaxinar tocar con eses xenios da música tradicional no noso debut. Nós tampouco esqueceremos nunca esta data.

Despois houbo foliada rachada cos compañeiros de Penas de Rodas e toda canta xente se quixo unir a esta festiña que agardemos sexa o inicio de certa normalidade.

Fotos: Foliada de Outono 2019

Deixamos algunhas das fotos que fixemos e nos fixeron na Foliada de Outono 2019

Anterior Entradas máis antigas

A %d blogueros les gusta esto: