Aínda que soe paradoxal a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario ten xa seis anos de vida. Non nos acercamos aos mil que, presuntamente, ten a árbore que é o noso emblema, pero seis anos dunha asociación cultural é todo un logro. Unha vitoria que hai que atribuír ás mulleres e homes que contra vento e marea (podedes poñer nomes é apelidos a eses ventos e mareas se así o queredes) están sacando adiante este proxecto cultural.
Despois de varios intentos fracasados, todo hai que dicilo, tentaremos, por fin, de estar presentes en internet dun xeito activo. Esta nova andaina pretende ser unha xanela aberta ao pasado da asociación, recuperando novas, fotografías e actos que desenrolou a Asociación nestes anos, pero tamén aspira a ser unha xanela aberta ao futuro, de xeito que sexa unha ferramenta para facer chegar as nosas propostas culturais, difundir os novos proxectos e establecer contacto cos nosos socios e socias ou con calquera que estea interesado na cultura, pois ao fin e ao cabo esa é a nosa proposta: difundir cultura galega.
Sede benvidos e benvidas a esta nova etapa na rede que, esta vez si, agardamos sexa a definitiva.
Gústame esto:
Gústame Cargando...