Actos: Foliada de Inverno 2023

¡Nova edición da Foliada de Inverno de Castiñeiro Milenario! O sábado 11 de marzo temos unha cita ineludible coa nosa música, o baile tradicional e coa festa arredor do noso.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un obradoiro cun deses instrumentos galegos tan propio da montaña como é a trompa ou birimbao. Daniel do Pando, recoñecido tocador da trompa, impartirá un obradoiro de iniciación a este instrumento. O obradoiro, de nivel iniciación, ten unha duración aproximada de catro horas e consta dunha parte teórica para tratar temas como a historia, afinación, limpeza… e outra práctica como o agarre, ritmos básicos, melodía, etcétera. A cada participante deixaráselle un instrumento para o obradoiro. O inicio está programado para as cinco de tarde. O prezo é de 15€ para as persoas asociadas de Castiñeiro e de 20€ para o público en xeral. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com, chamando ao 616705174 ou por calquera das nosas redes sociais.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente Xaora será o grupo encargado de continuar a festa. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Daniel do Pando e a Xaora a súa presenza na foliada e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

Advertisement

Actos: Os Maios e Foliada de Primavera 2022

Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera…

Deste xeito comezaba o anuncio da foliada da primavera de 2019.

2019

¿Quen podía pensar todo o que aconteceu estes tres últimos anos? Tres anos sen facer foliadas.

¡¡TRES!!

Pois semella que a espera rematou e volven as foliadas de Castiñeiro Milenario. Iso si, pregamos sentido e cabeciña porque a nova normalidade é de todo, menos normal.  Que a volta das foliadas non sexa o gromo para amolar a vida aos demais, polo que pedimos que todo o mundo sexa responsable, que intentemos gardar as distancias e aconsellamos o uso do tapabocas cando esteamos en interior, aínda que se o tempo acompaña, intentaremos estar no exterior.

Así que desta vai e empezamos a desenferruxar a maquinaria cultural como nos prestou sempre: coas nosas tradicións e as nosas músicas e bailes: ¡Aí vén o maio!

O sábado sete de maio, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro, a partir das seis comezaremos cun pequeno paseo para apañar flores, fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus ao cru inverno. Despois do maio teremos a presentación mundial de Xes o Mago, un rapaz que nos vai engaiolar cos seus trucos. Lembrade ben o seu nome e onde o vistes por primeira vez

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove, comezará a festa cos grupos locais, Foliadeir@ do Castro e a presentación de Treitoira. Despois, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

Agradecemos, como sempre, a Branca Villares, por ser a nosa ben querida meiga da primavera, pois sen ela os maios non son o mesmo; aos profes que nos van a axudar na presentación de Treitoira (Uxío, Chino e algunha sorpresiña máis que non podemos desvelar) e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

I Aberto do Castiñeiro

Por primeira vez na historia da Liga Nacional de Billarda, Begonte será a sede dunha xornada. Será a nosa primeira vez e quixemos tirar a casa pola ventá, facendo unha serie de cartaces e un vídeo promocional da xornada de liga e do propio equipo de Castiñeiro Milenario

Rock’n’roll billardeiro
Boconti calling
A laranxa mecánica chairega
Cartel definitivo

9ª edición do Festival 27373

Despois de tanto tempo parada, a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario retoma a súa actividade coa 9ª edición do Festival 27373. Unha edicióin especiale marcada polo COVID-19, no que os actos terán aforo limitado e haberá que rexistrarse para poder acceder tanto aos concertos (bit.ly/entradas27373) como para xogar á billarda (bit.ly/billarda27373). Agradecer tanto ao Concello de Begonte como ao Club Fluvial as facilidades para poder levar adiante unha edición tan complicada e argallada nun tempo récord.

7º Ciclo de Teatro: Touporroutou

Segunda das representacións deste ciclo de teatro, coa compañía focense, Touporroutou e a súa “Comedia Bífida”. Será o 9 de novembro ás sete da tarde na Casa da Cultura de Begonte dentro do programa Buxiganga da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración do Concello de Begonte.

Celebrando o Samaín 2019

Outro ano máis queremos celebrar o Samaín e para iso imos facer un percorrido por Baamonde e Pacios o 31 de outubro e facelo como nos presta, cantando por algúns dos bares da contorna. Para iso, ademais de afinar a nosas gorxas e os nosos instrumentos, debemos acompañarnos coa indumentaria axeitada para a ocasión. A idea é que vaiamos de negro, as mulleres, pano na cabeza, como se fose de loito; os homes, igualmente de negro. Tamén se pode ir de túnica negra ou similar.
O lugar de saída será no Taberna do Labrego, ás oito e media da tarde para ir visitar algúns dos bares de Pacios e logo ir ata Baamonde. O desprazamento entre bar e bar farase en procesión entoando unha cantiga ben arrepiante.
¡Ollo o 31 non te colla a Santa Compaña!!

Anterior Entradas máis antigas

A %d blogueros les gusta esto: