Actos: Foliada de primavera e Maios 2018

Semella que ao fin chegou a primavera, e en Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida que merece, organizando unha nova edición da Foliada de Primavera.

Comezaremos pola tarde cunha merenda para a cativada, chocolate e biscoito para coller forzas e ir apañar flores e fentos e xestas para facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións de Branca Villares faremos un maio, probaremos a facer algún “maio vivo” e cantaremos unhas pezas ao redor do maio, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove, comezará a festa o grupo residente, Foliadeir@s do Castro, nesta ocasión moi ben acompañado pola Asociación A Legua Dereita desde O Corgo, As Cernellas de Santa María de Bóveda e para rematar, Troupelear desde Baralla. Ao remate, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

Agradecemos, como sempre, a boa disposición dos grupos para participar neste acto festivo, a Branca Villares pola axuda e á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

Advertisements

Actos: Maios e Foliada de Primavera

O sábado 27 de maio imos celebrar a primavera como se merece. Pola tarde sairemos coa rapazada a recoller xestas e fentos e flores para facer un maio ben grande e bonito. Aproveitaremos para coñecer a flora que nos rodea e botar algunha peza arredor do maio. A hora de inicio está programada para ás seis da tarde e sairemos do local Social da Asociación veciñal do Castro (Begonte). A mestra de cerimonias será Branca Villares, que nos vai axudar a facer o maio e botar unhas cantigas relacionadas coa data. Despois repoñeremos forzas cun bo chocolate.

Pola noite, teremos a tradicional Foliada de Primavera con tres grupos convidados: Foliadeir@s do Castro, As Cernellas de Santa María de Bóveda e Raíces do Campo. Ao rematar, Foliada aberta ata ben entrada a noite.

Como sempre agradecer a Branca Villares pola súa implicación neste proxecto. Tamén aos grupos que veñen á Foliada de xeito desinteresado e á Asociación Veciñal do Castro por permitirnos empregar as súas instalacións.

%d bloggers like this: