X edición do Festival 27373

A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Décima edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 13 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente por mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilización da muller nos escenarios.

O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 14 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional, na que poderemos gozar, en exclusiva, das dúas cervexas oficiais do Festival 27373. Ámbalas dúas cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional X Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, o II campionato de serrador@s da Terra Cha, o cimbrón volve á programación do Festival. Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Pola tarde, a partir das seis e media, abrirá o festival Lydia Botana, cun espectáculo didáctico para a cativada e as familias, baixo o nome de Os contos de Alí, a proposta une narración oral, cancións e ilustracións amosadas a través dun kamishibai e pretende contribuír á difusión de recursos lúdicos e educativos en galego. Sempre contan cun plano literal, dirixido á rapazada, e cun plano metafórico que pretende promover a reflexión das nais e pais sobre a súa responsabilidade na transmisión interxeracional do idioma. É por iso que o destinatario é o público familiar.

Despois subirán ao escenario os Maghúa, seis homes que, desde A Coruña, levan máis de 15 anos difundindo a música que as nosas mulleres maiores nos legaron, as súas pandeiretas encherán o torreiro de música tradicional. Logo dos cantareiros, subirá ao escenario, Flow do Toxo, desde O Condado chegan estas catro mulleres, feministas, reivindicativas e un dos grupos referencia do rap en Galego, enerxía e compromiso para o festival. Rematan, desde Teis, Os Vacalouras, que pecharán esta décima edición co seu punk-rock sen concesións, enerxía e festa garantida.

Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.

Advertisement

I Aberto do Castiñeiro

Por primeira vez na historia da Liga Nacional de Billarda, Begonte será a sede dunha xornada. Será a nosa primeira vez e quixemos tirar a casa pola ventá, facendo unha serie de cartaces e un vídeo promocional da xornada de liga e do propio equipo de Castiñeiro Milenario

Rock’n’roll billardeiro
Boconti calling
A laranxa mecánica chairega
Cartel definitivo

IX Aberto de Billarda Festival 27373

Novena edición do Aberto de Billarda do Festival 27373. Por motivos da COVID-19 esta edición ten limitación de prazas. Podes ver o protocolo e reservar a túa praza en Reserva Billarda.

Weightlifting pictogram, new sport icon. Vector illustration.

9ª edición do Festival 27373

Despois de tanto tempo parada, a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario retoma a súa actividade coa 9ª edición do Festival 27373. Unha edicióin especiale marcada polo COVID-19, no que os actos terán aforo limitado e haberá que rexistrarse para poder acceder tanto aos concertos (bit.ly/entradas27373) como para xogar á billarda (bit.ly/billarda27373). Agradecer tanto ao Concello de Begonte como ao Club Fluvial as facilidades para poder levar adiante unha edición tan complicada e argallada nun tempo récord.

7º Ciclo de Teatro: Vero Rilo

Derradeira sesión deste sétimo ciclo de Teatro de Castiñeiro Milenario e como na edición pasada, decidimos levalo a un dos colexios de Begonte, nesta ocasión o teatro vai chegar ao Colexio Virxe do Corpiño de Begonte e ademais non podiamos acabar de mellor xeito que cunha das mellores contadoras de contos e lerias do país: Vero Rilo.

Contos e lerias” son historias que non nos deixan esquecer aos máis maiores, eses avós e avoas sempre presentes, contos para pacientes, para impacientes, para o demo, para tremer de medo, para o mal tempo boa cara e para amarse e durmir quentiños. Un espectáculo de contos cos que medrar e aprender a pasar pola vida.

7º Ciclo de Teatro: Touporroutou

Segunda das representacións deste ciclo de teatro, coa compañía focense, Touporroutou e a súa “Comedia Bífida”. Será o 9 de novembro ás sete da tarde na Casa da Cultura de Begonte dentro do programa Buxiganga da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración do Concello de Begonte.

Anterior Entradas máis antigas

A %d blogueros les gusta esto: