Actos: Maios e Foliada do oito

O vindeiro sábado 21 de maio, celebraremos unha nova xornada festiva.

Comezaremos sobre as 17:30 cos Maios para @s máis cativ@s. Desta volta intentaremos facer os “maios vivos” para celebrar a chegada da primavera, a ver se vai desta…

Despois xa á tardiña comezará unha nova edición da Foliada do Oito, grazas ao colectivo Oito máis que foliadas, co que organizamos esta festa da música tradicional. Nesta ocasión contaremos cos seguintes grupos: Campeiros de San Xoán do Campo, Son de Cores, AC Penas de Rodas, Foliadeir@s do Castro e Axeigo, despois foliada aberta ata que o corpo aguante.

O lugar elixido é o Restaurante San Martín (Nacional VI, Carral, Begonte) que amablemente cede as súas instalacións e poñerá os petiscos.

Agradecer a toda a xente que participa nesta xornada de xeito desinteresado, aos grupos participantes ao Restaurante San Martín e a tod@s @s que vos acheguedes ata Begonte a pasar unha xornada de festa e de difusión do noso patrimonio cultural.

Foliadadooito2016

Advertisement

Foliada do Oito en Begonte

Desde que o colectivo Oito máis que foliadas decidira espallar as Foliadas do Oito fora da cidade de Lugo, tiñamos claro que esta festa debía pasar por Begonte. Así que, despois de Baralla e Vilalba, tócalle a quenda ao noso concello. O próximo sábado dous de maio, temos unha cita imperdible no Restaurante San Martín de Carral, que moi amablemente cede as súas instalacións.

A xornada comezará con actividades para os máis cativos, sobre as seis da tarde cos xogos populares a cargo da Asociación Cultural POLKA Pol Kultura Aberta e teatro de monicreques da Compañía Trécola. A continuación, sobre as sete, contaremos cunha charla-obradoiro a cargo do artesán, Sito Carracedo sobre a construción de palletas e afinación da gaita.

Despois destas actividades, poderemos repoñer forzas grazas aos petiscos do Restaurante San Martín. Sobre as nove comezará a foliada oficial coa presentación en exclusiva mundial dos nosos Foliadeir@s do Castro, tanto na versión miúda como na versión adulta. Unha presentación da que a Asociación Castiñeiro Milenario síntese especialmente orgullosa, porque desde o ano 2007 levamos loitando por ter un grupo de música tradicional. Agardemos que esta cita serva como o empurrón definitivo. Despois do grupo local, tocarán a rapazada de Rábade de Tirapadiante, que xa teñen colaborado connosco, as Cantareiras de Pol e para rematar a AC Penas de Rodas. Despois da foliada oficial, comezará a foliada aberta e a festa ata ben entrada a noitiña.

Desde Castiñeiro Milenario queremos agradecer a tódalas asociacións, grupos e artesáns que veñen á Foliada do Oito de xeito totalmente desinteresado. A Oito máis que foliadas por ese traballo impagable que fan pola difusión da nosa cultura e ao Restaurante San Martín que cede as súas instalacións e os petiscos de balde. Agardamos que a festa sexa inesquecible.

 

11 foliada do oito

O Restaurante San Martín atópase na parroquia de Carral, no concello de Begonte en plena N-VI. Podes ver a súa localización na seguinte ligazón.

A %d blogueros les gusta esto: