X edición do Festival 27373

A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Décima edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 13 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente por mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilización da muller nos escenarios.

O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 14 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional, na que poderemos gozar, en exclusiva, das dúas cervexas oficiais do Festival 27373. Ámbalas dúas cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional X Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, o II campionato de serrador@s da Terra Cha, o cimbrón volve á programación do Festival. Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Pola tarde, a partir das seis e media, abrirá o festival Lydia Botana, cun espectáculo didáctico para a cativada e as familias, baixo o nome de Os contos de Alí, a proposta une narración oral, cancións e ilustracións amosadas a través dun kamishibai e pretende contribuír á difusión de recursos lúdicos e educativos en galego. Sempre contan cun plano literal, dirixido á rapazada, e cun plano metafórico que pretende promover a reflexión das nais e pais sobre a súa responsabilidade na transmisión interxeracional do idioma. É por iso que o destinatario é o público familiar.

Despois subirán ao escenario os Maghúa, seis homes que, desde A Coruña, levan máis de 15 anos difundindo a música que as nosas mulleres maiores nos legaron, as súas pandeiretas encherán o torreiro de música tradicional. Logo dos cantareiros, subirá ao escenario, Flow do Toxo, desde O Condado chegan estas catro mulleres, feministas, reivindicativas e un dos grupos referencia do rap en Galego, enerxía e compromiso para o festival. Rematan, desde Teis, Os Vacalouras, que pecharán esta décima edición co seu punk-rock sen concesións, enerxía e festa garantida.

Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.

Advertisement

Sesión Vermú e Foliada libre

Despois do Obradoiro de Canto e Pandeireta,temos preparada unha Sesión vermú e foliada libre nas instalacións do Club Fluvial de Begonte. Un xeito lúdico de poñer en práctica o aprendido pola mañá e un xeito de seguir facendo un pouco de festa na xornada do domingo.
Tanto a sesión vermú como a foliada libre está aberta a calquera persoa que se queira achegar ata as instalacións do Club Fluvial de Begonte

Foliada de Verán

Este é un deses actos no que traballas arreo e sen saber como nin por que, vaise complicando, enredándose, enguedellándose e non acaba de saír. Nun principio era unha colaboración coa empresa de ocio begontina Non Estreses dentro do evento 2º Descenso do Río Ladra. Ao final, este verán tan seco e imponderables que non están nas nosas mans, provocou que o Descenso se cancelara por falta de auga no río Ladra. Así que, empeñados na nosa colaboración optamos por facer unha xornada festiva ao carón do río, nas magníficas instalacións do Club Fluvial de Begonte que, de novo, colaboran con Castiñeiro Milenario para facer esta Foliada de Verán, con paseos en Kaiaks polo Ladra, xantar popular á antiga usanza, levando as tortillas e os filetes empanados e pola tarde Foliada co cuarteto “Os Martes”, logo foliada aberta a tod@s os que vos queirades achegar ata Begonte e pasar un bo día.

Foliada_web

A %d blogueros les gusta esto: