Cursiño de Micoloxía de verán (2015)

Os vindeiros días dezanove e vinte de xuño faremos o Segundo Cursiño de Micoloxía de verán. A estación do ano asociada aos cogomelos sempre é o outono, pero como vimos o ano pasado, o verán tamén é unha excelente época para saír ao monte e gozar das boas temperaturas, da fermosura da fraga nesta época do ano e, por suposto, aprender, identificar e/ou recoller os cogomelos típicos destas datas.

A actividade comezará o venres dezanove ás 20:30 horas cunha charla de introdución ao mundo dos cogomelos con referencias aos aproveitamentos micolóxicos. O sábado, a partires das dez da mañá, saída ao campo para identificar e recoller cogomelos, que serán degustados nunha comida a partir das 14:30.

Para @s soci@s, coas cotas de 2015 pagadas, o curso é de balde e para @s non soci@s o custe será de 10 euros. A comida ten un prezo de 10 euros para tod@s, agás para @s pequen@s que será tamén de balde.
O curso será impartido por José Castro da Sociedade Micolóxica Lucus, experto e amante dos cogomelos, co que xa tivemos o pracer de compartir saídas e xantares  noutros cursiños organizados por Castiñeiro Milenario.

O lugar das charlas e a saída será no local da Asociación de veciñ@s do Castro que, como sempre, colabora de xeito desinteresado con Castiñeiro Milenario. Tamén agradecer a colaboración da Sociedade Micolóxica Lucus e a disposición absoluta de José Castro.

A data límite para apuntarse é o xoves dezaoito de xuño e podes facelo polas canles habituais de Castiñeiro Milenario, este mesmo blogue, no Facebook, no twitter, no noso contacto ou chamando ao 616 705174.

cogomelos2015_web

Advertisements

Cursiño de micoloxía 2014

Castiñeiro Milenario organiza un novo Curso de Micoloxía. Nesta ocasión o curso vai ter dúas sesións teóricas que terán lugar o xoves e venres 20 e 21 de novembro a partires das 20:00. Na primeira poderemos coñecer os aspectos básicos da bioloxía dos cogomelos, así como recoñecer as partes e as características físicas principais para poder distinguilos; a segunda sesión estará adicada ao recoñecemento das especies, facendo fincapé nas características esenciais para poder distinguilas.

O sábado, 22 de novembro, a partires das dez da mañá, sairemos ao campo a recoñecer sobre o terreo os cogomelos máis deliciosos e aqueles que deberemos rexeitar por seren velenosos. Como fin de festa, a partires das tres da tarde gozaremos dun xantar cos cogomelos recollidos durante a mañá. Todas as actividades serán no local da Asociación de Veciñ@s do Castro, aos que como sempre agradecemos a súa colaboración.

O cursiño está impartido por José Castro, da Sociedade Micolóxica Lucus, asociación coa que colaboramos de novo.
O curso e o xantar é de balde para @s soci@s de Castiñeiro Milenario e da Sociedade Micolóxica Lucus, para os non soci@s o custe será de 15€ incluíndo a asistencia ao cursiño e a o xantar do sábado.

A data límite para apuntarse será o 20 de novembro e se queres, podes facelo neste mesmo blogue, no Facebook, no twitter, no noso contacto ou chamando ao 616 705174.

cartaz_cogomelos_2014_web

Entrevista na RG: Micoloxía de verán

Aquí vos deixamos a entrevista que nos fixeron na Radio Galega no programa Somos quen, co gallo do cursiño que fixemos, en pleno verán, sobre cogomelos estivais.

Fotos do paseo Micolóxico 2014

Actividade conxunta entre Sociedade Micolóxica Lucus, a Asociación de veciñ@s do Castro e Castiñeiro Milenario. Un paseo conxunto polas fragas de Begonte para aprender de cogomelos, gozando das paisaxes chairegas e dun bo xantar comunitario. Pouco máis se pode pedir.

Aí quedan unhas fotos da xornada.

Paseo micolóxico por Begonte

Paseo micolóxico por Begonte

Paseo Micolóxico

Paseo Micolóxico

Paseo micolóxico por Begonte

Paseo micolóxico por Begonte

Podes ver o resto das fotos no noso álbum Paseo Micolóxico 2014 en Flickr.

Paseo Micolóxico (só para soci@s)

O vindeiro fin de semana teremos actividades diversas e ben interesantes. O sábado, teatro cos Palimoquiños coa representación da obra “O rato de biblioteca”, ás sete da tarde e con merenda para a rapazada que se achegue ata O Castro. E o domingo poderemos gozar dun Paseo Micolóxico, unha actividade en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus e exclusiva para os soci@s das dúas asociacións.

Breve descrición da actividade:  @s soci@s de ambas asociacións realizaremos un paseo micolóxico polas fragas do Concello de Begonte, co obxectivo de poder estudar e identificar os cogomelos no seu propio hábitat. Ao mediodía organizaremos unha comida conxunta ao aire libre (se a climatoloxía o permite) nos terreos anexos aos locais sociais da Asociación de Veciños de O Castro. A comida achegarase por parte de ambas asociacións, aínda que calquera soci@ que o desexe pode aportar voluntariamente algunha preparación para complementar a mesma.

Programa e horarios aproximados da actividade:
10:00 horas. Comezo do paseo micolóxico.
13:30 horas. Remate do paseo.
14:30 horas. Xantar.
16:30 horas. Remate da actividade.

A data límite para apuntarse, só se estás ao día coas cotas da asociación, é o xoves e podes facelo polas canles habituais, este mesmo blogue, no Facebook, no twitter, no noso contacto ou chamando ao 616 705174.

PaseoMicoloxico_internetActividade exclusiva para soci@s de Castiñeiro Milenario.

Cursiño de Micoloxía de verán

Os vindeiros días once e doce de xullo imos a organizar un Cursiño de Micoloxía de verán. A estación do ano asociada aos cogomelos sempre é o outono, pero o verán tamén pode ser unha boa época para saír ao monte e recoñecer outras especies típicas destas datas. A actividade comezará o venres once ás 20:30 horas cunha charla sobre a normativa de aproveitamentos micolóxicos e unha introdución á micoloxía. O sábado a partires das dez da mañá, saída ao campo para identificar e recoller cogomelos, que serán degustados nunha comida a partir das 14:30.

Para @s soci@s, coas cotas de 2014 pagadas, o curso é de balde e para @s non soci@s o custe será de 10 euros. A comida ten un prezo de 10 euros e para @s pequen@s será tamén de balde.
O curso será impartido por José Castro da Sociedade Micolóxica Lucus, experto e amante dos cogomelos, que xa tivemos o pracer de telo outros cursiños organizados por Castiñeiro Milenario.

O lugar das charlas e a saída é no local da Asociación de veciñ@s do Castro que, como sempre, colabora de xeito desinteresado con Castiñeiro Milenario.

A data límite para apuntarse é o xoves dez de xullo, e podes facelo polas canles habituais de Castiñeiro Milenario, este mesmo blogue, no Facebook, no twitter, no noso contacto ou chamando ao 616 705174.

micoloxia_web

Anterior Entradas máis antigas Seguinte Entradas máis recentes

%d bloggers like this: