O pasado 23 de abril celebramos o día mundial do libro coa doazón de libros para a Biblioteca que a Asociación Veciñal do Castro está montando no seu local social. Ademais, a iniciativa foi seguida por varias persoas que tamén fixeron a súa aportación, desde a autora Sabela Núñez Singala, varias socias de Castiñeiro como María Vázquez ou Begoña Ferreiro, e xente que se achegou ata O Castro para gozar dunha xornada de teatro como Belén de Vivero, Cristina Díaz ou Carolina Vázquez. ¡¡Moitas grazas a todas!!
Fotos: Doazón de libros
10 Mai 2017 Deixar un comentario
en Fotos Etiquetas:dia do libro, doazón, libros, O Castro
Teatro: Pre-estrea de “O Agasallo de Anya”
11 Abr 2017 Deixar un comentario
en Actos Etiquetas:dia do libro, O Agasallo de Anya, O Castro, Sabela Núñez Singala, Teatro, Trecola
Como dícía o grande Galeano, “Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden cambiar o mundo“. Isto ben se podía a aplicar á autora que hoxe nos ocupa, Sabela Núñez Singala, profesora, activista, escritora e loitadora. Dun proxecto pequeno chamado Mochiliña de cores, seguiulle outro, chamado Cestiña de cores, un xeito de involucrar a moita xente para levar axuda de xeito directo ata un orfanato de Ucraína. Desa historia vital e preciosa, xurde unha novela infantil que nos achega á realidade de dúas nenas, Xiana que é galega e ten once anos e Anya, unha cativa ucraína desa mesma idade. “O agasallo de Anya” é xa un referente da literatura para xoves en galego.
E por outra banda temos ao grupo de monicreques Trécola de Pol, co que tivemos a grande fortuna de coincidir unhas cantas veces. O seu último proxecto é levar a escena esa obra de Sabela ao teatro de monicreques, un reto que comezaron desde cero, coa creación dos monicreques, os decorados e a adaptación da historia a ese teatro tan complicado. De novo, xente pequena, de lugares pequenos, facendo cousas pequenas para tentar de cambiar o mundo.
O resultado desde binomio fantástico é a obra O agasallo de Anya para teatro de monicreques que acaba de ser pre estreada en Muimenta, a localidade onde vive a autora. Grazas a petición expresa da compañía teatral o seguinte lugar de preestrea é o Concello de Begonte, en concreto, no local da AV do Castro. Non se nos ocorre mellor xeito de celebrar o día do libro que participando na creación dunha pequena biblioteca, dun lugar pequeno e compartir con todos vós a pre estrea de O Agasallo de Anya da compañía Trécola…e nós estamos absolutamente encantad@s.
Doazón de libros á AV do Castro
11 Abr 2017 Deixar un comentario
en Actos Etiquetas:dia do libro, libros, O Castro
Xa o temos dito máis veces: somos unha asociación pequena. Unha das cousas que, por exemplo, non podemos ter é un local social. Un local onde poder ter as nosas cousas. Cousas que ao final acaban almacenadas nas casas dos soci@s. Caixas e caixas de material de todo tipo. Material tan valioso e tan mal aproveitado como son os libros, que nunca deberían estar en caixas, escondidos sen que ninguén lles poida botar un ollo por riba. Aínda que sexa unha ollada rápida, os libros sempre o agradecen. Tampouco lles presta estar amoreados, ás escuras, case sen aire, precisan que alguén abra as súas páxinas e que respiren de cando en vez.
Así que visto que a Asociación Veciñal do Castro, sempre está disposta a botar unha man, que sempre nos deixan empregar o seu local social para moitas das actividades que facemos, desta vez imos ser nós os que lle fagamos un agasallo e que mellor xeito que facelo o 23 de abril. Ese día imos facer unha achega de libros á biblioteca que están montando no local social da AV do Castro. ¡Libros libres!
Despois, e para seguir celebrando ese día tan especial, haberá teatro, estade atent@s.