Un novo golpe ao rural: os agrupamentos en infantil e primaria

Este sábado pasado e grazas ao Festival 27373, un rapaz chamado Fernando púxoxe en contacto con Castiñeiro Milenario para difundir a convocatoria dunha concentración en Lugo para impedir os agrupamentos de nen@s en infantil e primaria en moitos nñucleos rurais. A moitos éncheselles a boca defendendo ao rural, pero á hora da verdade as medidas que se toman so sirven para conseguir o esmorecemento do medio rural galego. O futuro do rural está nos nenos e nenas que viven nel, se os afastamos de aí, no futuro marcharán a facer vida a outros sitios deixando o rural abandonado.

Reproducimos o texto íntegro do manifesto e o cartaz da concentración o vindeiro 27 de xullo en Lugo.

Manifesto:
“As Nais e Pais de Alumnos do Incio, Becerreá, Samos, Navia de Suarna, Cervantes, Doiras,As Nogais e Pedrafita manifestamos a nosa oposición rotunda ao tratamento que dende a Consellería de Educación se lle está a dar aos colexios do rural. A Consellería de Educación tomou a nefasta decisión de suprimir unidades e eliminar profesorado e especialistas dos nosos centros atendendo ao número de alumnos e non ás súas necesidades. Para o curso que ven, @s nosos fill@s quedarán con menos profesorado, sen o dereito a determinados especialistas e agrupados de 4 a 5 niveis nunha mesma aula.
As nenas e nenos non son números, son o noso futuro, un futuro que temos que coidar para poder pervivir como pobo con entidade propia.
As familias esiximos para os nosos fillos os mesmos dereitos que teñen os nenos doutros lugares: o acceso a unha educación digna, de calidade e con garantías de continuidade no tempo.
Despois de tódolos esforzos e os logros conseguidos ao longo do tempo, non estamos dispostos a asumir unha medida que supoña un retroceso.
Estamos cansos de escoitar que, dende as diferentes administracións, se quere poñer freo ao abandono do rural, pero as familias que apostamos por esta opción non vemos que este apoio se materialice en medidas concretas, ao contrario, só podemos constatar o recorte en servizos de todo tipo.
Os que decidimos vivir no rural queremos facelo con dignidade. Non somos galegos de segunda.
Queremos facer valer os nosos dereitos, por tódolos medios que estean ao noso alcance e faremos chegar as nosas demandas ata onde sexa necesario.
Cando se trata de garantir os dereitos dos nosos fillos, cando se trata de loitar polo noso futuro aí si que se nos teñen que escoitar cunha soa voz.
Moitas grazas a todos os que nos apoian e loitan polos dereitos dos nenos que son o futuro”.

Outro texto que vai na mesma dirección:
Volta as unitarias do pasado.
Como sabedes a Xunta de Galicia pretende facer agrupamentos en infantil e primaria por debaixo de 18 alumn@s, que implican a supresión de 54 mestr@s e 40 unidades na provincia de Lugo e que supón que se xunten nen@s de distintas idades e mesmo de distintos ciclos, co conseguinte deterioro da calidade do ensino. Esta medida afectará fundamentalmente as zonas rurais, xa castigadas polo despoboamento e constitúe un ataque á base do sistema educativo (infantil e primaria). Ante iso as nais e pais de Cervantes, Becerreá, Samos, O Incio; Navia, Pedrafita e As Nogais uníronse para defender o dereito a un ensino público de calidade na montaña; a primeira medida de protesta foi facer a etapa Cebreiro – Samos do camiño de Santiago. O que recolleu a prensa escrita (Progreso, La voz) e dixital (sermos Galiza). En Samos recibíronos os compañeir@s de Carballeda de Avia, na mesma situación ca nós e que xa realizaran accións conxuntas con outros centros do Ribeiro e Valdeorras.
Trala marcha fíxose unha asemblea na que se acordou:
• Facer coincidir a etapa Monte do Gozo – Santiago co 12 de Setembro (dia de inicio das clases), ese día os nen@s non irían a clase e nos manifestaríamos en San Caetano tódolos centros de Galiza afectados.
• A nivel provincial acordouse facer unha concentración diante do edificio da xunta en Lugo o día 27 de xullo ás 11:30 h
O problema dos agrupamentos afecta gravemente ós servizos públicos básicos do rural, que se xa eran escasos, isto constitúe o comezo da súa liquidación definitiva co obxectivo de botar do rural ós poucos que aínda resistimos e dificultar que a volta ó campo sexa unha alternativa de soberanía alimentaria á crise. Polo tanto, entendemos que este non é só un problema dos centros directamente afectados este ano (que vos pasamos en documento adxunto), senón de todo o rural galego.
Tendo en conta que a xunta anunciou esta medida tralo remate do curso para dificultar a comunicación e coordinación dos centros afectados:
• Solicitamos a vosa axuda para, a través da vosa afiliación/asociad@s, etc establecer contactos coas nais e pais doutros centros do rural da provincia (especialmente os afectados polos agrupamentos) cara a coincidir con eles o día 27 na concentración en Lugo.
• Igualmente convidámosvos a difundir e apoiar a nosa convocatoria, a xunta sabe que os centros afectados suman moi pouca xente, intentan dividirnos; necesitamos o apoio dos movementos sociais implicados na necesidade dun mundo rural vivo para demostrarlles unha morea de xente o día 27 que non lles vai ser tan doado quitarlles ós nosos nen@s o dereito a un ensino de calidade no seu entorno”.

Advertisements

%d bloggers like this: