X edición do Festival 27373

A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Décima edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 13 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente por mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilización da muller nos escenarios.

O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 14 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional, na que poderemos gozar, en exclusiva, das dúas cervexas oficiais do Festival 27373. Ámbalas dúas cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional X Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, o II campionato de serrador@s da Terra Cha, o cimbrón volve á programación do Festival. Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Pola tarde, a partir das seis e media, abrirá o festival Lydia Botana, cun espectáculo didáctico para a cativada e as familias, baixo o nome de Os contos de Alí, a proposta une narración oral, cancións e ilustracións amosadas a través dun kamishibai e pretende contribuír á difusión de recursos lúdicos e educativos en galego. Sempre contan cun plano literal, dirixido á rapazada, e cun plano metafórico que pretende promover a reflexión das nais e pais sobre a súa responsabilidade na transmisión interxeracional do idioma. É por iso que o destinatario é o público familiar.

Despois subirán ao escenario os Maghúa, seis homes que, desde A Coruña, levan máis de 15 anos difundindo a música que as nosas mulleres maiores nos legaron, as súas pandeiretas encherán o torreiro de música tradicional. Logo dos cantareiros, subirá ao escenario, Flow do Toxo, desde O Condado chegan estas catro mulleres, feministas, reivindicativas e un dos grupos referencia do rap en Galego, enerxía e compromiso para o festival. Rematan, desde Teis, Os Vacalouras, que pecharán esta décima edición co seu punk-rock sen concesións, enerxía e festa garantida.

Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.

Advertisement

IX Aberto de Billarda Festival 27373

Novena edición do Aberto de Billarda do Festival 27373. Por motivos da COVID-19 esta edición ten limitación de prazas. Podes ver o protocolo e reservar a túa praza en Reserva Billarda.

Weightlifting pictogram, new sport icon. Vector illustration.

9ª edición do Festival 27373

Despois de tanto tempo parada, a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario retoma a súa actividade coa 9ª edición do Festival 27373. Unha edicióin especiale marcada polo COVID-19, no que os actos terán aforo limitado e haberá que rexistrarse para poder acceder tanto aos concertos (bit.ly/entradas27373) como para xogar á billarda (bit.ly/billarda27373). Agradecer tanto ao Concello de Begonte como ao Club Fluvial as facilidades para poder levar adiante unha edición tan complicada e argallada nun tempo récord.

Hemeroteca: 8º Festival 27373

Nesta edición do Festival 27373 tivemos unha maior repercusión nos medios que edicións anteriores. Tivemos entrevistas en diferentes medios como en Radio Principal Vilalba, Cope Vilalba, Radio Lugo e en Radio Voz. Deixamos a entrevista que nos fixo, Félix Jorquera en Voces de Lugo, xa que o resto de emisoras non poñen os seus programas para poder escoitar en liña.

Ademais das entrevistas saíron novas sobre o Festival no TerraChaXa, El Progreso, La Voz e outros medios como CulturaliaGZ, GZMúsica. Deixamos algunhas das novas que fomos recompilando.


TerraChaXa de agosto.


La Voz de Galicia, agosto.


El Progreso, Emerxentes do suplemento A Chaira, 07/08/2019


La Voz de Galicia, 10/08/2019


El Progreso, 10/08/2019


El Progreso, 11/08/2019


El Progreso, suplemento A Chaira, 13/08/2019


El Progreso, suplemento A Chaira, 13/08/2019

Fotos: 8ª Edición do Festival 27373

Deixamos algunhas fotos do que foi a 8ª edición do Festival 27373 de música en Galego de Begonte.

7ª Edición do festival 27373 de música en galego

Toda a información na páxina do Festival, Festival de día e Festival de noite.

Anterior Entradas máis antigas

A %d blogueros les gusta esto: