Fotos: Maios e Foliada de Primavera

A celebración da primavera, xenialmente dirixida por Branca Villares, concitou a numeroso público familiar, para dar, de xeito case místico, a benvida á primavera. Unha celebración na que fixemos un maio decorativo e por primeira vez, un maio vivo. A Raíña da primavera, a nosa pequena socia Aloia Corral, foi unha das protagonistas do evento, á que agradecemos a súa infinita paciencia para deixarse “vestir” cun precioso vestido de flores.
Para darlle a benvida tamén contamos coa presentación, en exclusiva mundial, do grupo Saxesanbra, formado por catro pequen*s da Escola de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, garantindo o futuro da nosa música tradicional.

Na posterior Foliada de Primavera contamos co grupo Filseira de Outeiro de Rei, formado maioritariamente por xente moi nova, que da gusto ver tocar e cantar. Remataron a festa o coñecido grupo Arrincadeira de Lugo, que nos fixeron cantar a todas nunha foliada aberta ben animada.

Como sempre, agradecemos a implicación de Branca Villares, como mestra de cerimonias nos maios. Aos grupos participantes, Saxesanbra, Filseira e Arrincadeira polo ben que nolo fixeron pasar e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro polas facilidades para facer esta festa no seu local social.

Deixamos unhas fotos do que foron os maios e a Foliada de Primavera.

Actos: Os Maios e Foliada de Primavera 2019

Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera, do xeito que merece e como nos presta: organizando unha nova edición da Foliada de Primavera.

Comezaremos pola tarde, a partir das seis facendo un pequeno paseo para apañar flores e fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares faremos un maio, probaremos a facer algún “maio vivo” e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera. Un chocolate quentiño daranos forzas para seguir ata que a Foliada chegue.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das oito e media, comezará a festa con dous grupos, desde Outeiro de Rei con sangue e forzas propias da mocidade virá Filseira, con moitas gañas de cantar e bailar, e para rematar, desde Lugo a Asociación Arrincadeira. Despois, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

Agradecemos, como sempre, a boa disposición dos grupos para participar neste acto festivo, a Branca Villares pola axuda e á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

A %d blogueros les gusta esto: