Ciclo de teatro en Begonte

Castiñeiro Milenario en colaboración coa Asociación Cultural de Illán e dentro do proxecto Buxiganga da Deputación Provincial de Lugo presenta o Ciclo de Teatro en Begonte. O ciclo está composto pola representación de tres obras noutras tantas parroquias do Concello de Begonte.

Os Quinquilláns. A veterana formación que desde 1989 se especializaron no teatro de rúa e infantil e cunha traxectoria de teatro para todo tipo de públicos, presentarán a súa obra “O Capricho do teatro”, unha montaxe arredor de Roberto Vidal Bolaño. Será o vindeiro venres 29 de agosto ás 20:30 horas, na antiga escola da parroquia de Illán.

Nostrum Cai Teatro nace, no ano 2002, na cidade de Lugo. Os seus fundadores adoptan un programa de formación que abarca disciplinas tan diversas como a dramaturxia, mimo, voz e verso, estudo da personaxe, comedia do arte, danza contemporánea, monólogos, contact, improvisación ou a danza butoh. O 14 de setembro, ás 20:30 estarán connosco na Casa da Cultura de Begonte, representando a súa obra “Radio Universo“, a emisora galega no espazo exterior que, con MariCastaña e SuperCarballeira, é a encargada de facer o seguimento da travesía do Cruceiro Interestelar Lalín 2000.

Palimoco Teatro nace, en novembro de 1998, en Lugo, como grupo de teatro afeccionado. Como Os palimoquiños estarán no campo da Feira da parroquia de Pacios o 21 de setembro ás 19:30 horas presentando a adaptación da obra de Victor Hugo, “Os miserables“.

Cartaz_teatro

%d bloggers like this: