Fotos: Foliada de Outono 2022

As lapas das foliadas de Castiñeiro seguen vivas e quentando unha tarde chuviosa e desapacible, pero que ao final resultou moi quentiña e agradable.

Comezamos a foliada cun interesantisimo obradoiro para aprender a tocar a lata de pemento. Gracias A Roberto Rodríguez que nos puxo en contexto ese instrumento chamado “pobre” pero que ten unha forza e un xeito impresionante.

Na foliada tivemos un agarimoso momento para lembrarnos de Josiño, do dúo Gaiteirada que, por problemas de saúde, non puido asistir. Agardamos que o aplauso de todas as presentes che envíe forza para seguir. Despois comezaron a festa, o grupo local das Foliadeiras do Castro, cunha Branca Villares desatada, que puxo desde o primeiro momento o torreiro a bailar. Remataron os Axeigo e, ¡que dicir deles! Vaia musicazos tan impresionantes, fixeron festa rachada e da gusto velos tocar. A cousa rematou pasadas as dúas de mañá e xa ninguén se lembraba desde día desapacible co que empezou a foliada.

Gracias a todas e todos os que vos achegastes, grazas aos bailadores e bailadoras que fan a festa máis grande, grazas a Gaiteirada, a Axeigo e ás novas incorporacións de Foliadir@s do Castro e tamén a Aloumiña, que sempre nos pon todo moi fácil. Grazas á Asociación Veciñal do Castro por prestarnos ese marabilloso local que teñen.

Vémonos na Foliada de Inverno.

Advertisement

Foliada de Outono 2022: Dando a Lata

¡Estamos de volta cunha nova edición das Foliadas de Outono de Castiñeiro Milenario! Reserva a data do 19 de novembro para achegarte a Begonte e gozar dunha xornada de baile e música tradicional.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un moi interesante obradoiro de percusión tradicional. O noso ben querido Roberto Rodríguez, impartirá un obradoiro de iniciación ao toque coa Lata de pemento no repertorio de cantares para o baile tradicional. O obradoiro comezará ás sete e media da tarde e terá unha duración aproximada de hora e media e está aberto a calquera persoa que desexe ter un achegamento a este instrumento popular. O custe para persoas non socias é de 15 euros, mentres que para as persoas socias de Castiñeiro Milenario o prezo será de 5€. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com, chamando ao 616705174 ou por calquera das nosas redes sociais. Se non tés lata de pemento, a organización tentará de ter latas para todas.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente intervirán o dúo Gaiteirada desde Lugo e , despois duns anos, volven ás foliadas de Castiñeiro os amigos de Axeigo. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Gaiteirada, Axeigo e a Roberto Rodríguez a súa presenza na foliada e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

Foliada de outono de castiñeiro milenario. 19 de novembro. Obradoiro de lata de pemento e foliada con gaiteirada e axeigo

A %d blogueros les gusta esto: