Visita guiada ao Vello Cárcere de Lugo

Despois de ver “Camilo, o último guerrilleiro” tivemos un interesante debate sobre a memoria histórica e sobre a incrible vida de Camilo de Dios. Nese debate unha das asistentes falou do que lle impresionara a visita ao Vello Cárcere de Lugo. Nese mesmo momento xurdiu a idea de facer unha visita guiada ao edificio para que nos conten a súa historia como prisión franquista e a historia da súa recuperación como edificio adicado á memoria e á cultura.
Así que o vindeiro sábado 29 de xuño quedamos ás 18:50 horas diante do edificio para facer unha visita guiada exclusiva para Castiñeiro Milenario que comezaría ás 19 horas.
É preferible anotarse enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou no teléfono 616705174, xa que o número máximo de persoas por visita é de 25.

Agradecemos ao Concello de Lugo a visita guiada e a Brais García Bergantiños o deseño do cartaz.

Advertisement

Fotos: Premio Cogomelo Lucus 2018

Unha das teimas que tivemos sempre, como asociación, foi intentar unir forzas con outras asociacións, intentar crear unha especie de micelio asociativo, un micelio soterrado e invisible, pero con forza e extenso que permita, dadas as circunstancias axeitadas, agromar e producir eses marabillosos froitos que son os cogomelos. Tanto a Sociedade Micolóxica Lucus como Castiñeiro Milenario levamos anos creando ese micelio soterrado o cal fomos coidando a base de obradoiros, charlas, paseos micolóxicos e xantares comunitarios, para que, dadas as circunstancias, xurda do chan da Chaira este marabilloso Cogomelo Lucus 2018 que nos tocou recoller.
Moitas grazas polo este agasallo que nos enche de ledicia e que nos da forza para seguir loitando. Grazas a este Cogomelo Lucus 2018, seremos máis fortes, porque a partir de agora seremos un Castiñeiro Milenario micorrizado.

Fotos da presentación da cervexa

Deixamos algunhas das fotos do acto da presentación da cervexa, agradecendo aos asistentes a súa visita, a Alberto Curiel por prestarnos a “súa casa” para facer a presentación, aos Foliadeir@s do Castro e a Xaora por poñer durante horas a banda sonora ao evento.

presentacion4

presentacion5

presentacion2

presentacion3

Actos: Presentacion da cervexa do Festival 27373

Desde hai anos a asociación ten realizado numerosas actividades relacionadas co mundo da cervexa artesá. Fixemos cursos de elaboración, visitas a obradoiros, catas e maridaxe e, desde hai un tempo, a asociación ten a teima de facer unha cervexa propia. Grazas á colaboración con Alberto Curiel de cervexa Aloumiña, e logo de varias probas e experimentos, podemos anunciar que…

¡¡xa temos a nosa propia cervexa do Castiñeiro!!

A presentación vai ser o vindeiro sábado 26 de maio a partir das seis e media da tarde, no propio obradoiro da cervexería situado na rúa Tinería, nº 22 (Lugo). Ademais durante a presentación contaremos coa música tradicional dos Foliadeir@s do Castro e de Xaora, que van ser os encargados de poñer a banda sonora ao evento.

A 27373 é unha cervexa de trigo, que leva lúpulo Saaz, pela de laranxa e semente de coriandro, o que fai que sexa unha cervexa lixeira, doada de beber, ideal para os calorosos días de verán. Así que estades convidados e convidadas a pasar unha boa tarde-noite no barrio da Tinería en Lugo, probando a NOSA cervexa e escoitando música tradicional.

¡Ponme unha 27 e saúde!!

A %d blogueros les gusta esto: