É moi evidente que duns anos para atrás, algo está a mudar no panorama da cervexa en Galicia. A irrupción da cervexa artesá vai paseniño, pero de xeito firme. Na actualidade hai máis de 50 marcas de cervexa en Galicia e só na provincia de Lugo, hai polo menos 11 produtoras de cervexa galega artesá. Este movemento cervexeiro vai pouco a pouco acadando o seu espazo nas rúas, grazas ás feiras que se van organizando, pero tamén nos bares que pouco a pouco van apostando por un produto claramente diferenciado da cervexa comercial. A variedade dentro da cervexa artesá é tan enorme que para iniciarse neste mundo, ás veces, cómpre ter un bo guía, que nos amose esas variedades, que nos aprenda a diferenciar unhas doutras e que incida neses detalles que afastan as cervexas artesás da cervexa típica comercial.
A nós non se nos ocorre mellor guía que Juan Fernández, responsable do templo cervexeiro galego por excelencia: a Cervezoteca Malte na Coruña. Unha persoa que sabe de cervexas, que sabe falar delas e que sabe transmitir a súa paixón por este mundo. Apoiando esta viaxe cervexeira, temos tamén a outro mestre no seu, José Ángel Corral, xerente da Taberna do Labrego en Pacios, Begonte. Unha das referencias gastronómicas da Terra Chá, que vai facer un petisco exclusivo, intentando potenciar os matices de cada cervexa que imos catar.
A cata contará con cinco cervexas e cadanseu petisco e cada cervexa vai ser comentada en profundidade.
As cervexas que formarán parte da cata van ser:
- Cervexa Nasa Orixinal (Bohemian Pilsner, 5.0%).
- Cervexa sorpresa, estrea “mundial”. (Cervexa de trigo, 5,4%).
- In Peccatum Juicy IPA (New England IPA, 6.0%).
- Santo Cristo Costa Oeste (Imperial IPA, 9.0%).
- Malte / In Peccatum Black Inverno (Imperial Stout con centeo afumado, café e cacao, 12%).
E os petiscos elaborados especialmente para cada unha serán:
- Ensalada de verduras con gulas, zume de laranxa e Pedro Ximenez.
- Navallas con mostaza alioli e naranxa deshidratada.
- Mexillon e berberechos con sopa de froitos tropicais.
- Entrecosto de vaca e coulis de froitos vermellos.
- Tarta tres chocolates con espuma de café e fume de fava tonka.
A data será o 26 de maio e comezará ás nove da noite no local da Taberna do Labrego en Pacios (Begonte, como chegar). O prezo é de 25€ para non socixs e de 20€ para socixs de Castiñeiro Milenario. A cada persoa faráselle entrega dunha guía de cata e dunhas fichas para anotacións.
Debido ao número limitado de prazas é obrigatorio apuntarse no noso correo electrónico (castineiromilenario@hotmail.com) ou chamando por teléfono ao 616 705174, a reserva de prazas farase por rigorosa orde de inscrición.
Como sempre agradecer a Juan Fernández e a José Ángel Corral a súa profesionalidade e o seu interese para que isto saia adiante ano tras ano.

Gústame esto:
Gústame Cargando...