Actos: Foliada de primavera e Maios 2018

Semella que ao fin chegou a primavera, e en Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida que merece, organizando unha nova edición da Foliada de Primavera.

Comezaremos pola tarde cunha merenda para a cativada, chocolate e biscoito para coller forzas e ir apañar flores e fentos e xestas para facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións de Branca Villares faremos un maio, probaremos a facer algún “maio vivo” e cantaremos unhas pezas ao redor do maio, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove, comezará a festa o grupo residente, Foliadeir@s do Castro, nesta ocasión moi ben acompañado pola Asociación A Legua Dereita desde O Corgo, As Cernellas de Santa María de Bóveda e para rematar, Troupelear desde Baralla. Ao remate, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

Agradecemos, como sempre, a boa disposición dos grupos para participar neste acto festivo, a Branca Villares pola axuda e á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

Advertisements

Actos: Obradoiro de percusión do Sur de Italia e concerto didáctico de Brigan (Italia)

Estamos encantad@s e orgullos@s de poder contar de novo co grupo italiano, Brigan nunha das nosas actividades. Máis aínda, cando veñen de xira española presentando o seu novo disco, Rúa San Giacomo, facendo parada na Coruña, Compostela, Madrid, Barcelona… e Begonte.

Brigan xurde no ano 2009, desde o seu inicio tiveron un grande interese pola música celta, reflectido nun primeiro disco que adicaron en exclusiva a este xénero musical. O proxecto madurou intentando misturar os sons célticos coa sonoridade da música tradicional do Sur de Italia. O seu terceiro traballo, Trasumanza Sonora, recolle o traballo de investigación e estudo dos repertorios tradicionais das músicas do arco atlántico, Bretaña, Irlanda, Asturias e Galicia coa mistura do xeito de tocar e interpretar do Sur de Italia.

Brigan está composto por Francesco Di Cristofaro: voz, acordeón, gaitas alistana, sanabresa e galega, zampogna, pito pastoril, tin e low whistle, sisco de Giugliano, mandolina e bouzouki; Ivan del Vecchio: guitarra clásica, guitarra acústica, guitarra de 12 cordas, mandoloncello; Gabriele Tinto: coros, birimbao, pandeiretas, pandeiro cadrado, pandeiro de Peñaparda, tamburelli, tammorra, castañolas, vieiras, morteiro, bombo, pratiños, caixa redobrante, zambomba e Simone Lombardi: coros, botella de anís, tambor, pezuños de cabra, bombo.

brigan

Na xornada do 17 de febreiro teremos unha cita ineludible na Casa do Pobo do Castro (Begonte, Lugo) para poder gozar con Brigan de dous xeitos ben diferentes.
Ás 18 horas, comezaremos cun Obradoiro de Percusión do Sur de Italia que se vai centrar nunha introdución relacionada co aspecto histórico/cultural dos instrumentos tradicionais, desde a súa orixe ata a actualidade e, unha segunda parte, adicada á técnica básica de tammorra e tamburello. Vanse analizar e practicar algúns dos ritmos tradicionais daquelas terras como a Tarantella, a Tammurriata ou a Pizzica. A duración será de aproximadamente dúas horas e media. A inscrición, obrigatoria, podes facela a través do noso correo electrónico (castineiromilenario@hotmail.com) ou no teléfono 616705174. O prezo será de 10€ para *s soci*s de Castiñeiro e de 15 para as persoas que non sexan asociadas.
Despois dun pequeno descanso, ás 20:45, o grupo Brigan, fará un pequeno concerto acústico amosando a súa música. Durante unha media hora poderemos gozar dos ritmos tradicionais italianos e ibéricos nunha oportunidade única. O concerto estará aberto ao público en xeral e será de balde.

Despois destes interesantes eventos, poderemos repoñer forzas cuns petiscos, xusto antes de rematar unha xornada inesquecible de música tradicional en Begonte coa Foliada de Inverno da que falaremos nos vindeiros días.

Todas as actividades serán na Casa do Pobo do Castro (Begonte, Lugo), agradecemos moito que a Asociación Veciñal do Castro nos deixe as instalacións para facer todas estas actividades.

Fotos: Cantos de Nadal

Velaí van unhas cantas fotos do noso precorrido por algúns dos locais de Pacios e Baamonde facendo os Cantos de Nadal (e algún profano). Grazas ao Muíño de Pacios e ao Madia Leva de Baamonde por deixarnos botar uns berros e, especialmente, á Taberna do Labrego e ao Galicia que, por riba de aturarnos, aínda deron o aguinaldo.

Cantos de Nadal 2017

Cantos de Nadal 2017

Cantos de Nadal 2017

Cantos de Nadal 2017

Podes ver o resto das fotos no álbum Cantos de Nadal 2017 na nosa conta en Flickr.

Actos: Cantos de Nadal

Imos rematar este 2017 coa derradeira actividade do ano e tal e como nos gusta facer, ímolo facer coa nosa música tradicional. O venres 29 de decembro ás sete e media, empezaremos na Taberna do Labrego en Pacios para logo ir visitando outros lugares de Pacios e Baamonde cos típicos Cantos de Nadal e música tradicional. É unha actividade aberta, polo que se te queres unir non hai problema, todo o mundo está convidado.

Fotos: Foliada de Outono 2017

Alá foi a derradeira foliada do ano 2017. Unha foliada que tivo como comezo o obradoiro de baile tradicional de Xabi Iglesias, no que fomos aprendendo as bases para sacar e coller os puntos nas foliadas. Despois dos petiscos, arrancaron a foliada o grupo residente, Foliadeir@s do Castro e logo foi a quenda dos Milesios, un verdadeiro orgullo e un pracer que compartisen a súa música nesta foliada de outono, facendo un gran esforzo para adaptarse a un formato que non é habitual neles e recompoñéndose das baixas que tiveron ese día. Deixaron, ademais, unha das imaxes da xornada,a arpa irlandesa de Elaine Brown, soando nunha foliada galega, algo pouco frecuente. Na foliada libre houbo tempo para tocar xunt@s e tamén para que apareceran Os Fedellos da Ulloa, para poñer un broche de ouro marabilloso a esta festa da música tradicional.

Desde a asociación queremos agradecer a toda a xente que se achegou ata O Castro, aos grupos (Foliadeir@s, Milesios e Fedellos), aos bailadores/as (que sería unha foliada sen el@s) e á Asociación Veciñal do Castro, por permitiren facer esta festa no seu local social. ¡Viva a música e o baile tradicional galego! Para o ano máis…

Foliada de Outono 2017

Foliada de Outono 2017

Foliada de Outono 2017

Foliada de Outono 2017

Foliada de Outono 2017

Foliada de Outono 2017

Foliada de Outono 2017

O resto das fotos podes velas no álbum Foliada de Outono 2017 en Flickr

Anterior Entradas máis antigas

%d bloggers like this: