Actos: Foliada de Inverno 2023

¡Nova edición da Foliada de Inverno de Castiñeiro Milenario! O sábado 11 de marzo temos unha cita ineludible coa nosa música, o baile tradicional e coa festa arredor do noso.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un obradoiro cun deses instrumentos galegos tan propio da montaña como é a trompa ou birimbao. Daniel do Pando, recoñecido tocador da trompa, impartirá un obradoiro de iniciación a este instrumento. O obradoiro, de nivel iniciación, ten unha duración aproximada de catro horas e consta dunha parte teórica para tratar temas como a historia, afinación, limpeza… e outra práctica como o agarre, ritmos básicos, melodía, etcétera. A cada participante deixaráselle un instrumento para o obradoiro. O inicio está programado para as cinco de tarde. O prezo é de 15€ para as persoas asociadas de Castiñeiro e de 20€ para o público en xeral. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com, chamando ao 616705174 ou por calquera das nosas redes sociais.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente Xaora será o grupo encargado de continuar a festa. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Daniel do Pando e a Xaora a súa presenza na foliada e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

Advertisement

Foliada de Outono 2022: Dando a Lata

¡Estamos de volta cunha nova edición das Foliadas de Outono de Castiñeiro Milenario! Reserva a data do 19 de novembro para achegarte a Begonte e gozar dunha xornada de baile e música tradicional.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un moi interesante obradoiro de percusión tradicional. O noso ben querido Roberto Rodríguez, impartirá un obradoiro de iniciación ao toque coa Lata de pemento no repertorio de cantares para o baile tradicional. O obradoiro comezará ás sete e media da tarde e terá unha duración aproximada de hora e media e está aberto a calquera persoa que desexe ter un achegamento a este instrumento popular. O custe para persoas non socias é de 15 euros, mentres que para as persoas socias de Castiñeiro Milenario o prezo será de 5€. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com, chamando ao 616705174 ou por calquera das nosas redes sociais. Se non tés lata de pemento, a organización tentará de ter latas para todas.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente intervirán o dúo Gaiteirada desde Lugo e , despois duns anos, volven ás foliadas de Castiñeiro os amigos de Axeigo. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Gaiteirada, Axeigo e a Roberto Rodríguez a súa presenza na foliada e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

Foliada de outono de castiñeiro milenario. 19 de novembro. Obradoiro de lata de pemento e foliada con gaiteirada e axeigo

X edición do Festival 27373

A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Décima edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 13 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

O Festival 27373 caracterízase por ser o único festival do Concello de Begonte, un dos poucos festivais cunha programación íntegra en Galego, que apoia a grupos emerxentes e que nos últimos anos conta, polo menos, cun grupo integrado maioritariamente por mulleres. Unha aposta pola lingua e pola visibilización da muller nos escenarios.

O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s e ás familias. A partir das 14 horas comezará unha atractiva sesión vermú con música tradicional, na que poderemos gozar, en exclusiva, das dúas cervexas oficiais do Festival 27373. Ámbalas dúas cervexas son unha colaboración entre Castiñeiro Milenario e cervexa artesá Aloumiña de Lugo. Xa pola tarde, a partir das cinco, comezará o tradicional X Aberto de Billarda coa colaboración da Asociación O Varal. Ás seis, o II campionato de serrador@s da Terra Cha, o cimbrón volve á programación do Festival. Agardemos que sexa un bo día para pasar ao carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Pola tarde, a partir das seis e media, abrirá o festival Lydia Botana, cun espectáculo didáctico para a cativada e as familias, baixo o nome de Os contos de Alí, a proposta une narración oral, cancións e ilustracións amosadas a través dun kamishibai e pretende contribuír á difusión de recursos lúdicos e educativos en galego. Sempre contan cun plano literal, dirixido á rapazada, e cun plano metafórico que pretende promover a reflexión das nais e pais sobre a súa responsabilidade na transmisión interxeracional do idioma. É por iso que o destinatario é o público familiar.

Despois subirán ao escenario os Maghúa, seis homes que, desde A Coruña, levan máis de 15 anos difundindo a música que as nosas mulleres maiores nos legaron, as súas pandeiretas encherán o torreiro de música tradicional. Logo dos cantareiros, subirá ao escenario, Flow do Toxo, desde O Condado chegan estas catro mulleres, feministas, reivindicativas e un dos grupos referencia do rap en Galego, enerxía e compromiso para o festival. Rematan, desde Teis, Os Vacalouras, que pecharán esta décima edición co seu punk-rock sen concesións, enerxía e festa garantida.

Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo e do Concello de Begonte. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras e, por suposto, a Cervexa Artesá Aloumiña, por todas as facilidades para facer de novo as cervexas do festival. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.

VI Edición do festival 27273

Toda a información na páxina do Festival 27373

Actos: Festival 27373

A V edición do Festival 27373 de Begonte, reúne nun mesmo día, un festival para nenos e nenas durante a mañá e a tarde e concertos para os mozos e mozas pola noite

 A Asociación Cultural Castiñeiro Milenario de Begonte vai organizar a Quinta edición do Festival 27373 que terá lugar o sábado 13 de agosto no Club Fluvial de Begonte que presta as súas instalacións para a celebración deste festival.

O Festival está dividido en dúas partes. Polo día, a programación vai dirixida aos máis pequen@s. A partires das 12:00 comezamos coas actividades deportivas que estarán a cargo da empresa de Begonte Non Estreses, que vai ofrecer paseos en canoa pola marabillosa contorna do río Ladra, esta actividade prolongarase ata ben entrada a tarde.

A partires da unha a Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira comezará a demostración de fiado de lá e liño, ademais da demostración de canto e música tradicional. A festa estará garantida durante a sesión vermú grazas ao grupo de música tradicional Pingarela, compoñentes do grupo Os Minhotos, gracias ao programa Musiqueando pola Provincia de Lugo da Área de Cultura da Deputación de Lugo. Xa pola tarde, ademais dos paseos en canoa e as demostracións de fiado, a partir das cinco, comezará o V Aberto de Billarda e a partir das seis a actuación de Desastronauts co seu espectáculo Aínda máis alto, circo con aéreos, trapecios e aros de lume. Agardemos que sexa un bo día para pasar coa familia a carón do río, xantando e compartindo sobremesa nunha zona que conta con tódolos servizos, nun entorno de ribeira perfectamente acondicionado e coidado, onde se pode gozar dun baño, xantar nalgunha das mesas ou mesmo no campo e pasear á beira do río ao tempo que participamos nas distintas actividades.

Pola tarde, a partir das sete e media, abrirán o festival o grupo de música tradicional Habelas hainas desde Compostela, catro mulleres bravas que saben facer festa e reivindicación. Logo sairá ao escenario o inclasificable, O Leo i Arremecághona, rock, punk, teatro e subversión. E para rematar, Tanto Nos Ten, un dos grupos más festeiros do panorama da música tradicional, ideais para dar peche a este quinta edición do 27373.

Queremos agradecer a axuda económica da Deputación de Lugo, sen ela sería imposible facer este festival. Ao Concello de Begonte pola axuda económica e infraestruturas. Ao Club Fluvial de Begonte por prestar as súas marabillosas instalacións. Ás empresas e organizacións colaboradoras, Non Estreses, Cervexa Artesá Aloumiña, Castro & Castro. Tamén a todas aquelas asociacións culturais, artesáns, músicos que vaian vir ao festival e, por suposto, agradecer a presenza de todas as persoas que se acheguen ata Begonte a pasar un día cheo de actividades culturais nun entorno incomparable.

O cartel, de novo ideado polo deseñador gráfico de Begonte, Marcos Vigo ao que queremos agradecer de novo a súa colaboración.

27373_2016_web

Anterior Entradas máis antigas

A %d blogueros les gusta esto: