Actos: Foliada de Inverno 2023

¡Nova edición da Foliada de Inverno de Castiñeiro Milenario! O sábado 11 de marzo temos unha cita ineludible coa nosa música, o baile tradicional e coa festa arredor do noso.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un obradoiro cun deses instrumentos galegos tan propio da montaña como é a trompa ou birimbao. Daniel do Pando, recoñecido tocador da trompa, impartirá un obradoiro de iniciación a este instrumento. O obradoiro, de nivel iniciación, ten unha duración aproximada de catro horas e consta dunha parte teórica para tratar temas como a historia, afinación, limpeza… e outra práctica como o agarre, ritmos básicos, melodía, etcétera. A cada participante deixaráselle un instrumento para o obradoiro. O inicio está programado para as cinco de tarde. O prezo é de 15€ para as persoas asociadas de Castiñeiro e de 20€ para o público en xeral. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com, chamando ao 616705174 ou por calquera das nosas redes sociais.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente Xaora será o grupo encargado de continuar a festa. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Daniel do Pando e a Xaora a súa presenza na foliada e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

Advertisement

Fotos: Foliada de Outono 2022

As lapas das foliadas de Castiñeiro seguen vivas e quentando unha tarde chuviosa e desapacible, pero que ao final resultou moi quentiña e agradable.

Comezamos a foliada cun interesantisimo obradoiro para aprender a tocar a lata de pemento. Gracias A Roberto Rodríguez que nos puxo en contexto ese instrumento chamado “pobre” pero que ten unha forza e un xeito impresionante.

Na foliada tivemos un agarimoso momento para lembrarnos de Josiño, do dúo Gaiteirada que, por problemas de saúde, non puido asistir. Agardamos que o aplauso de todas as presentes che envíe forza para seguir. Despois comezaron a festa, o grupo local das Foliadeiras do Castro, cunha Branca Villares desatada, que puxo desde o primeiro momento o torreiro a bailar. Remataron os Axeigo e, ¡que dicir deles! Vaia musicazos tan impresionantes, fixeron festa rachada e da gusto velos tocar. A cousa rematou pasadas as dúas de mañá e xa ninguén se lembraba desde día desapacible co que empezou a foliada.

Gracias a todas e todos os que vos achegastes, grazas aos bailadores e bailadoras que fan a festa máis grande, grazas a Gaiteirada, a Axeigo e ás novas incorporacións de Foliadir@s do Castro e tamén a Aloumiña, que sempre nos pon todo moi fácil. Grazas á Asociación Veciñal do Castro por prestarnos ese marabilloso local que teñen.

Vémonos na Foliada de Inverno.

Foliada de Outono 2022: Dando a Lata

¡Estamos de volta cunha nova edición das Foliadas de Outono de Castiñeiro Milenario! Reserva a data do 19 de novembro para achegarte a Begonte e gozar dunha xornada de baile e música tradicional.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un moi interesante obradoiro de percusión tradicional. O noso ben querido Roberto Rodríguez, impartirá un obradoiro de iniciación ao toque coa Lata de pemento no repertorio de cantares para o baile tradicional. O obradoiro comezará ás sete e media da tarde e terá unha duración aproximada de hora e media e está aberto a calquera persoa que desexe ter un achegamento a este instrumento popular. O custe para persoas non socias é de 15 euros, mentres que para as persoas socias de Castiñeiro Milenario o prezo será de 5€. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com, chamando ao 616705174 ou por calquera das nosas redes sociais. Se non tés lata de pemento, a organización tentará de ter latas para todas.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente intervirán o dúo Gaiteirada desde Lugo e , despois duns anos, volven ás foliadas de Castiñeiro os amigos de Axeigo. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Gaiteirada, Axeigo e a Roberto Rodríguez a súa presenza na foliada e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

Foliada de outono de castiñeiro milenario. 19 de novembro. Obradoiro de lata de pemento e foliada con gaiteirada e axeigo

Foliada de Outono 2019

¡¡Unha nova edición das Foliadas de Outono de Castiñeiro Milenario xa está aquí!! Vai reservando a data do 14 de decembro para achegarte a Begonte e gozar dunha xornada de baile e música tradicional.

Como sempre, comezaremos a xornada foliadeira cun tempo adicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un interesantísimo obradoiro de baile tradicional que impartirán as mozas de Andar cos tempos, Chus Caramés e Carme Campo, dúas bailadoras, mestras de baile e educadoras no ámbito da educación non formal. O obradoiro comezará ás sete e media da tarde e terá unha duración aproximada de hora e media e está aberto a calquera persoa que desexe ter un achegamento ao baile tradicional. O custe para persoas non socias é de 10 euros, mentres que para as persoas socias de Castiñeiro Milenario será de balde. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou chamando ao 616705174.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente intervirán Buxos Verdes desde Vilalba e Foliada de Bosende desde Lugo. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Buxos Verdes, Foliada de Bosende e a Chus e a Carme de Andar cos tempos a súa presenza e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo. Tamén agradecer o traballo de Brais García, deseñador do cartaz desta nova tempada de foliadas.

Obradoiro de Olería

Dentro das actividades relacionadas coa artesanía e a súa posta en valor, este ano imos propoñer, por primeira vez, un obradoiro de iniciación á olería coa recoñecida oleira de Bonxe, Pepa Lombao.

Debido ás dificultades de trasladar o obradoiro a Begonte, nesta ocasión, seremos nós os que vaiamos ata o taller de Pepa en Bonxe, polo que o obradoiro vaise facer nas súas instalacións de Outeiro de Rei (ver ligazón para a localización).

O obradoiro será de 12 horas de duración e vaise realizar durante os seguintes sábados: 28 de setembro e 5, 12 e 26 de outubro en horario de 10:00 a 13:00. Para un bo desenrolo da actividade e por razóns técnicas o número de prazas está limitado a dez, que serán cubertas por estrita orde de inscrición, que se poderá facer no noso correo electrónico (castineiromilenario@hotmail.com) ou chamando ao 616705174 ata o 26 de setembro. Cómpre levar un mandilón para a actividade.

Paseo micolóxico 2019 (só para asociad@s)

Un ano máis a Sociedade Micolóxica Lucus e a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario presentamos unha nova edición do Paseo Micolóxico. A partir das dez da mañá, as persoas asociadas das dúas organizacións imos realizar un paseo micolóxico por algunhas das fragas do Concello de Begonte, co obxectivo de poder estudar e identificar os cogomelos no seu propio hábitat. Ao mediodía organizaremos unha comida conxunta de confraternidade no local social da Asociación Veciñal do Castro, cedido de xeito desinteresado para a ocasión. A comida e bebida achegarase por parte de ambas asociacións, aínda que calquera soci@ que o desexe pode aportar voluntariamente algunha preparación para complementar a mesma e compartir cos asistentes.

Ademais como novidade, este ano despois do xantar, José Castro da Sociedade Micolóxica Lucus, dará un pequeno obradoiro de identificación, clasificación e visión baixo lupa de diferentes cogomelos. Este obradoiro é de balde e está aberto ao público en xeral.

Programa e horarios aproximados da actividade:
10:00 horas Comezo do paseo micolóxico.
13:30 horas Remate do paseo micolóxico
14:30 horas Xantar
17:00 horas Obradoiro de identificación e clasificación de cogomelos.
18:30 horas Remate da actividade

O Paseo Micolóxico é unha actividade gratuíta para @s soci@s de ámbalas dúas asociacións, mesmo o xantar correrá a cargo de SMLucus e a AC Castiñeiro Milenario. O prazo para apuntarse remata o venres 27 de setembro pola mañá.
O Obradoiro de identificación tamén é unha actividade de balde e aberta ao público en xeral.

Anterior Entradas máis antigas

A %d blogueros les gusta esto: