Hemeroteca: Os maios e Foliada de Primavera

Os maios e a Foliada de Primavera na suplemento A Chaira do progreso e na sección xente do mesmo xornal. Agradecer o traballo que o suplemento A Chaira fai por amosar o que se fai na comarca.

Advertisement

Fotos: Foliada dos Maios

Botamos fóra esta invernía de dous anos e, por fin, demos a benvida á Primavera. Saímos ao monte, collemos unhas flores, fixemos un maio, fermoso e colorido, cantamos ao seu redor e o máis importante, intentamos expulsar o inverno pandémico das nosas vidas. A liturxia do maio é maxia pura e se de fondo soa a zanfona de Pablo Pintor, o momento só pode ser sublime. Así que coa música da zanfona e as cantigas de Branca Villares rematamos o noso maio.

Despois do maio tivemos a estrea mundial de Xeso Mago. Que Xes elixira a Castiñeiro Milenario para facer o seu debut en público foi un orgullo, pois esa data quedará na súa memoria para sempre e tamén na nosa, pois a actuación foi grandiosa.

Na parte musical, comezamos a foliada cunhas Foliadeir@s do Castro que duplicaron as súas compoñentes, moitas delas tamén cantaban e tocaban por primeira vez en público, agardemos que non fose a derradeira e poidan seguir abrindo foliadas moitas máis veces. Despois da obrigada parada polo Covid, tiñamos que argallar unha foliada un pouco especial, así que aproveitamos para presentarmos en público a Treitoira, o novo proxecto musical de Castiñeiro Milenario do que iremos avanzando novidades despois do verán, pero de momento, presentaron catro pezas para ir abrindo boca. Agradecer a presenza dos nosos mestres de gaita (Uxío Vaamonde) e percusión tradicional (Miguel Anxo López “chino”) e dos incomparables Brais Monxardín e Pepe Vaamonde. A verdade é que nin nos mellores dos soños podiamos imaxinar tocar con eses xenios da música tradicional no noso debut. Nós tampouco esqueceremos nunca esta data.

Despois houbo foliada rachada cos compañeiros de Penas de Rodas e toda canta xente se quixo unir a esta festiña que agardemos sexa o inicio de certa normalidade.

Actos: Os Maios e Foliada de Primavera 2022

Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera…

Deste xeito comezaba o anuncio da foliada da primavera de 2019.

2019

¿Quen podía pensar todo o que aconteceu estes tres últimos anos? Tres anos sen facer foliadas.

¡¡TRES!!

Pois semella que a espera rematou e volven as foliadas de Castiñeiro Milenario. Iso si, pregamos sentido e cabeciña porque a nova normalidade é de todo, menos normal.  Que a volta das foliadas non sexa o gromo para amolar a vida aos demais, polo que pedimos que todo o mundo sexa responsable, que intentemos gardar as distancias e aconsellamos o uso do tapabocas cando esteamos en interior, aínda que se o tempo acompaña, intentaremos estar no exterior.

Así que desta vai e empezamos a desenferruxar a maquinaria cultural como nos prestou sempre: coas nosas tradicións e as nosas músicas e bailes: ¡Aí vén o maio!

O sábado sete de maio, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro, a partir das seis comezaremos cun pequeno paseo para apañar flores, fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus ao cru inverno. Despois do maio teremos a presentación mundial de Xes o Mago, un rapaz que nos vai engaiolar cos seus trucos. Lembrade ben o seu nome e onde o vistes por primeira vez

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove, comezará a festa cos grupos locais, Foliadeir@ do Castro e a presentación de Treitoira. Despois, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

Agradecemos, como sempre, a Branca Villares, por ser a nosa ben querida meiga da primavera, pois sen ela os maios non son o mesmo; aos profes que nos van a axudar na presentación de Treitoira (Uxío, Chino e algunha sorpresiña máis que non podemos desvelar) e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

Fotos: Maios e Foliada de Primavera

A celebración da primavera, xenialmente dirixida por Branca Villares, concitou a numeroso público familiar, para dar, de xeito case místico, a benvida á primavera. Unha celebración na que fixemos un maio decorativo e por primeira vez, un maio vivo. A Raíña da primavera, a nosa pequena socia Aloia Corral, foi unha das protagonistas do evento, á que agradecemos a súa infinita paciencia para deixarse “vestir” cun precioso vestido de flores.
Para darlle a benvida tamén contamos coa presentación, en exclusiva mundial, do grupo Saxesanbra, formado por catro pequen*s da Escola de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, garantindo o futuro da nosa música tradicional.

Na posterior Foliada de Primavera contamos co grupo Filseira de Outeiro de Rei, formado maioritariamente por xente moi nova, que da gusto ver tocar e cantar. Remataron a festa o coñecido grupo Arrincadeira de Lugo, que nos fixeron cantar a todas nunha foliada aberta ben animada.

Como sempre, agradecemos a implicación de Branca Villares, como mestra de cerimonias nos maios. Aos grupos participantes, Saxesanbra, Filseira e Arrincadeira polo ben que nolo fixeron pasar e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro polas facilidades para facer esta festa no seu local social.

Deixamos unhas fotos do que foron os maios e a Foliada de Primavera.

Actos: Os Maios e Foliada de Primavera 2019

Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera, do xeito que merece e como nos presta: organizando unha nova edición da Foliada de Primavera.

Comezaremos pola tarde, a partir das seis facendo un pequeno paseo para apañar flores e fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares faremos un maio, probaremos a facer algún “maio vivo” e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera. Un chocolate quentiño daranos forzas para seguir ata que a Foliada chegue.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das oito e media, comezará a festa con dous grupos, desde Outeiro de Rei con sangue e forzas propias da mocidade virá Filseira, con moitas gañas de cantar e bailar, e para rematar, desde Lugo a Asociación Arrincadeira. Despois, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

Agradecemos, como sempre, a boa disposición dos grupos para participar neste acto festivo, a Branca Villares pola axuda e á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

Fotos: Maios e Foliada de Primavera 2018

Xornada festeira e musical a vivida no Castro o pasado sábado. Fixemos un maio con toda a rapazada que se achegou, cantamos e bailamos grandes e cativ@s ao redor do maio, en definitiva, unha xornada reivindicativa das nosas tradicións. Temos a obriga de agradecer a Branca Villares e a Pablo Pintor o enorme esforzo que fixeron para estar toda a tarde con nos, e o ben que nolo fixeron pasar coa súa música e cos seus bailes.

Despois tivemos unha preciosa foliada ata ben tarde. Agradecemos á presenza dos Foliadeir@s do Castro e sobre todo, aos grupos que viñeron de fóra a agasallar a súa música e a súa alegría. Grazas ás Cernellas, A Legua Dereita e a Troupelear. E, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro, que nos prestou A Casa do Pobo para poder ter unha xornada tan interesante.

Deixamos unhas fotos para lembrar unha festa tan bonita.

maios2018_1

maios2018_4

maios2018_8

maios2018_10

maios2018_11

maios2018_12

maios2018_14

Podes ver o resto de fotos no noso álbum Maios e Foliada de Primavera 2018 na nosa páxina en Flickr

Anterior Entradas máis antigas

A %d blogueros les gusta esto: