Fantástica a xornada do domingo 18 de xuño. Primeiro cun magnífico obradoiro impartido polo gran Roberto Rodríguez, mestre de canto e pandeireta na Tradescola de Lugo. Tres horas tocando e cantando maneos que se fixeron curtas, e na que aprendemos un montón de cousas deste estilo tan particular e bonito. Agradecer ao Concello de Begonte a cesión da Casa da Cultura, sobre todo a Montse, por deixarnos todo ben preparadiño, e, por suposto, á Tradescola polo traballo que fai na difusión das nosas tradicións e por levar pola provincia adiante este tipo de iniciativas.
Despois do obradoiro, tocou ir ata ese marabilloso lugar que é o Club Fluvial de Begonte para seguir coa xornada lúdica. Sesión Vermú improvisada con xente dos Foliadeir@s do Castro e Branca Villares. Xantar e sesión sobremesa ata ben chegada a merenda grazas a algúns compoñentes de Xaora, Xabi Iglesias e Espazo 10. Gran xornada de música e baile tradicional, nunha contorna incrible. Agradecer tamén ao Club Fluvial de Begonte por deixarnos empregar as instalacións e a Castro & Castro, por darnos de xantar.
Velaquí van algunhas das fotos da xornada.
Fotos: Obradoiro e Sesión Vermú
07 Xul 2017 Deixar un comentario
en Fotos Etiquetas:Begonte, foliada, Fotos, música tradicional, Obradoiro, Pandeireta
Obradoiro de canto e pandeireta: Maneo
14 Xuñ 2017 Deixar un comentario
en Actos Etiquetas:Begonte, música tradicional, Obradoiro, Pandeireta, Tradescola
O vindeiro domingo, 18 de xuño, contaremos cunha nova actividade relacionada coa música tradicional. Nesta ocasión teremos a posibilidade de asistir a un obradoiro de Canto e Pandeireta, onde se van traballar diferentes técnicas e repertorio de maneo, un xeito de cantar e, sobre todo, de bailar, característico da comarca de Bergantiños.
O encargado de impartilo será Roberto Rodríguez, mestre de canto e percusión da Tradescola en Lugo.
O horario será de 10:30 a 13:00 horas na Casa da Cultura de Begonte, situada no mesmo centro do pobo en plena N-VI.
No noso empeño de colaborar con outras asociacións da provincia, este Obradoiro está organizado pola Tradescola e Castiñeiro Milenario é asociación colaboradora. Deste xeito para inscribirse nos obradoiros ou para recibir mais información pódese contactar coa Tradescola chamando ao tlf 982229966 ou a través do correo electrónico tradescola@gaiteirosgalegos.gal (as prazas son limitadas e de balde).
Actos: Obradoiros de percusión e foliada
05 Feb 2014 Deixar un comentario
en Actos Etiquetas:Música, nen*s, O Castro, Obradoiro, Pandeireta, Pandeiro
O sábado 15 de febreiro Castiñeiro Milenario organiza unha grande xornada de música e festa rachada. Nun acto de portas abertas, a “nosa” Branca Villares porá aos máis cativ@s a bailar, cantar e maquinar, pois poderán gozar a partires das 18 horas dun obradoiro chamado “Choca, choca…que eí ven o Entroido“, unha mestura de xogos de música con actividade plástica para @s cativ@s, o obxectivo será descubrir os elementos do entroido tradicional galego, facer instrumentos reciclados e aprender un par de ritmos e as súas cantigas. Despois de gastar tanta enerxía, ao rematar teremos unha chocolatada con churros.
Ás 19:45, de novo con Branca Villares, comezaremos o obradoiro de percusión e cantares empregando todo de instrumentos, desde as típicas pandeiretas ou pandeiros, ata os chamados instrumentos miúdos, traballando algún dos ritmos típicos, melodías, xogos de voces e moito máis.
Ao rematar, teremos liscos, chourizos, viño e cervexa, haberá que ir collendo enerxías para a foliada que remate a festa. O grupo Xaora será o encargado de abrir a foliada que será aberta e participativa, un grande remate de festa para unha grande xornada adicada á nosa cultura popular.
Para calquera dúbida podedes contactar connosco polas canles habituais: este mesmo blogue, no Facebook, no twitter, ou no noso contacto.
Unha vez máis queremos agradecer á Asociación de veciñ@s de O Castro a súa total colaboración para facer este acto nas súas magníficas instalacións.
Actos: Curso de pandeireta e canto
01 Nov 2013 Deixar un comentario
en Actos Etiquetas:Begonte, Cursos, Música, Pandeireta
Despois da magnífica, pero breve, experiencia do curso de pandeireta que fixemos antes do verán, volvemos cunha nova proposta. Nesta ocasión, Castiñeiro Milenario colabora coa Escolas Municipais de Música dos Concellos de Rábade e Begonte, e grazas á experiencia do curso pasado, conseguimos traer para Begonte a sección de Canto e pandeireta.
Ademais, esta colaboración permite que poidamos ofertar unha clase para nen@s e outra para adultos. Os mércores, de sete a oito será a quenda para os pequen@s, e de oito a nove para os maiores. O lugar será o mesmo do ano pasado, na antiga escola de Begonte. Tamén repetimos coa mesma profe, Branca Villares, coa que quedamos encantados polo seu bo facer.
A primeira quincena, o curso será de portas abertas, para que calquera que teña interese poida ver como se desenvolven as clases, como son os compañeir@s e que metodoloxía se vai empregar.
O prezo do curso será de 15€ ao mes. Para apuntarse podes facelo neste mesmo blogue, no Facebook, no twitter, no noso contacto ou chamando ao 616 705174.
Agardámoste para seguir gozando da nosa cultura, da nosa tradición musical e, por suposto, da festa.