Foliada do Oito en Begonte

Desde que o colectivo Oito máis que foliadas decidira espallar as Foliadas do Oito fora da cidade de Lugo, tiñamos claro que esta festa debía pasar por Begonte. Así que, despois de Baralla e Vilalba, tócalle a quenda ao noso concello. O próximo sábado dous de maio, temos unha cita imperdible no Restaurante San Martín de Carral, que moi amablemente cede as súas instalacións.

A xornada comezará con actividades para os máis cativos, sobre as seis da tarde cos xogos populares a cargo da Asociación Cultural POLKA Pol Kultura Aberta e teatro de monicreques da Compañía Trécola. A continuación, sobre as sete, contaremos cunha charla-obradoiro a cargo do artesán, Sito Carracedo sobre a construción de palletas e afinación da gaita.

Despois destas actividades, poderemos repoñer forzas grazas aos petiscos do Restaurante San Martín. Sobre as nove comezará a foliada oficial coa presentación en exclusiva mundial dos nosos Foliadeir@s do Castro, tanto na versión miúda como na versión adulta. Unha presentación da que a Asociación Castiñeiro Milenario síntese especialmente orgullosa, porque desde o ano 2007 levamos loitando por ter un grupo de música tradicional. Agardemos que esta cita serva como o empurrón definitivo. Despois do grupo local, tocarán a rapazada de Rábade de Tirapadiante, que xa teñen colaborado connosco, as Cantareiras de Pol e para rematar a AC Penas de Rodas. Despois da foliada oficial, comezará a foliada aberta e a festa ata ben entrada a noitiña.

Desde Castiñeiro Milenario queremos agradecer a tódalas asociacións, grupos e artesáns que veñen á Foliada do Oito de xeito totalmente desinteresado. A Oito máis que foliadas por ese traballo impagable que fan pola difusión da nosa cultura e ao Restaurante San Martín que cede as súas instalacións e os petiscos de balde. Agardamos que a festa sexa inesquecible.

 

11 foliada do oito

O Restaurante San Martín atópase na parroquia de Carral, no concello de Begonte en plena N-VI. Podes ver a súa localización na seguinte ligazón.

Advertisement

Vídeos da Foliada de Outono

Deixámos uns cantos vídeos dunha noite chea de música, baile e diversión. Agradecer a toda a xente que se achegou desde diferentes puntos, incluso de fóra da provincia, ata Begonte para gozar dunha magnífica xuntanza onde brilou a nosa música tradicional moi ben defendida por todos os músicos e bailador*s.

  • A rapazada de Tirapadiante da Escola Músico Crisanto de Rábade-Begonte.

 

  • Eudemónicas.

 

  • Eudemónicas e Rebeca Tallón no obradoiro de baile.

 

  • Foliada aberta

 

Foliada de Outono

Vaise acabando este ano 2014. Un ano no que tivemos moitas e variadas ofertas culturais. Desde actividades para coñecer a cultura cervexeira ou os cogomelos tan abondosos nas nosas fragas e piñeirais, ata a recuperación de tradicións case esquecidas como os maios ou a lembranza da nosa marabillosa tradición musical con obradoiros e foliadas. E, por suposto, o ciclo de teatro ou a nosa actividade estrela, o Festival 27373.
Así que para ir rematando, desde Castiñeiro Milenario propoñemos unha foliada por todo o alto o sábado, trece de decembro a partir das nove da noite no local da AV do Castro en Begonte.

Unha foliada na que contaremos coa rapazada de Tirapadiante de Rábade, vencellados á escola Músico Crisanto de Rábade-Begonte. Un conxunto de músicos moi novos con gañas de seguir a transmitir a nosa música tradicional con enerxía e calidade, tendo un futuro moi prometedor.
E por outra banda, teremos un grupo xa consagrado, cunhas integrantes que levan moitos anos na defensa no noso patrimonio musical e que neste último proxecto están a acadar o apoio incondicional d*s seguidor*s das músicas tradicionais. As Eudemónicas e o eudemónico de Pablo Pintor, virán a presentar o seu último espectáculo no que xuntan a música galega co baile tradicional, xa que virán acompañadas de Rebeca Tallón que impartirá un obradoiro de baile.
E para seguir a festa, remataremos cunha foliada aberta.

Como noutras ocasións queremos agradecer a disposición e colaboración incondicional da Asociación Veciñal do Castro que nos volven a ceder ás súas instalacións para esta foliada de outono.

Cartaz_Foliada_web

A %d blogueros les gusta esto: