Os maios e a Foliada de Primavera na suplemento A Chaira do progreso e na sección xente do mesmo xornal. Agradecer o traballo que o suplemento A Chaira fai por amosar o que se fai na comarca.



02 Xuñ 2022 Deixar un comentario
en Hemeroteca Etiquetas:branca villares, El Progreso, foliada, música tradicional, O Castro, Os maios, Treitoira, Troupelear
Os maios e a Foliada de Primavera na suplemento A Chaira do progreso e na sección xente do mesmo xornal. Agradecer o traballo que o suplemento A Chaira fai por amosar o que se fai na comarca.
25 Mai 2022 Deixar un comentario
en Fotos Etiquetas:foliada, Foliadeir@s do Castro, música tradicional, O Castro, Os maios, Treitoira
Botamos fóra esta invernía de dous anos e, por fin, demos a benvida á Primavera. Saímos ao monte, collemos unhas flores, fixemos un maio, fermoso e colorido, cantamos ao seu redor e o máis importante, intentamos expulsar o inverno pandémico das nosas vidas. A liturxia do maio é maxia pura e se de fondo soa a zanfona de Pablo Pintor, o momento só pode ser sublime. Así que coa música da zanfona e as cantigas de Branca Villares rematamos o noso maio.
Despois do maio tivemos a estrea mundial de Xeso Mago. Que Xes elixira a Castiñeiro Milenario para facer o seu debut en público foi un orgullo, pois esa data quedará na súa memoria para sempre e tamén na nosa, pois a actuación foi grandiosa.
Na parte musical, comezamos a foliada cunhas Foliadeir@s do Castro que duplicaron as súas compoñentes, moitas delas tamén cantaban e tocaban por primeira vez en público, agardemos que non fose a derradeira e poidan seguir abrindo foliadas moitas máis veces. Despois da obrigada parada polo Covid, tiñamos que argallar unha foliada un pouco especial, así que aproveitamos para presentarmos en público a Treitoira, o novo proxecto musical de Castiñeiro Milenario do que iremos avanzando novidades despois do verán, pero de momento, presentaron catro pezas para ir abrindo boca. Agradecer a presenza dos nosos mestres de gaita (Uxío Vaamonde) e percusión tradicional (Miguel Anxo López “chino”) e dos incomparables Brais Monxardín e Pepe Vaamonde. A verdade é que nin nos mellores dos soños podiamos imaxinar tocar con eses xenios da música tradicional no noso debut. Nós tampouco esqueceremos nunca esta data.
Despois houbo foliada rachada cos compañeiros de Penas de Rodas e toda canta xente se quixo unir a esta festiña que agardemos sexa o inicio de certa normalidade.
02 Mai 2022 1 comentario
en Actos Etiquetas:Actos, foliada, música tradicional, O Castro, Os maios, Treitoira
Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera…
Deste xeito comezaba o anuncio da foliada da primavera de 2019.
2019
¿Quen podía pensar todo o que aconteceu estes tres últimos anos? Tres anos sen facer foliadas.
¡¡TRES!!
Pois semella que a espera rematou e volven as foliadas de Castiñeiro Milenario. Iso si, pregamos sentido e cabeciña porque a nova normalidade é de todo, menos normal. Que a volta das foliadas non sexa o gromo para amolar a vida aos demais, polo que pedimos que todo o mundo sexa responsable, que intentemos gardar as distancias e aconsellamos o uso do tapabocas cando esteamos en interior, aínda que se o tempo acompaña, intentaremos estar no exterior.
Así que desta vai e empezamos a desenferruxar a maquinaria cultural como nos prestou sempre: coas nosas tradicións e as nosas músicas e bailes: ¡Aí vén o maio!
O sábado sete de maio, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro, a partir das seis comezaremos cun pequeno paseo para apañar flores, fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus ao cru inverno. Despois do maio teremos a presentación mundial de Xes o Mago, un rapaz que nos vai engaiolar cos seus trucos. Lembrade ben o seu nome e onde o vistes por primeira vez
Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove, comezará a festa cos grupos locais, Foliadeir@ do Castro e a presentación de Treitoira. Despois, foliada aberta ata que os corpos aguanten.
Agradecemos, como sempre, a Branca Villares, por ser a nosa ben querida meiga da primavera, pois sen ela os maios non son o mesmo; aos profes que nos van a axudar na presentación de Treitoira (Uxío, Chino e algunha sorpresiña máis que non podemos desvelar) e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.