Actos: Foliada de Inverno 2023

¡Nova edición da Foliada de Inverno de Castiñeiro Milenario! O sábado 11 de marzo temos unha cita ineludible coa nosa música, o baile tradicional e coa festa arredor do noso.

Como é tradición, non hai festa foliadeira en Castiñeiro, sen que haxa un momento dedicado á aprendizaxe. Desta volta propoñemos un obradoiro cun deses instrumentos galegos tan propio da montaña como é a trompa ou birimbao. Daniel do Pando, recoñecido tocador da trompa, impartirá un obradoiro de iniciación a este instrumento. O obradoiro, de nivel iniciación, ten unha duración aproximada de catro horas e consta dunha parte teórica para tratar temas como a historia, afinación, limpeza… e outra práctica como o agarre, ritmos básicos, melodía, etcétera. A cada participante deixaráselle un instrumento para o obradoiro. O inicio está programado para as cinco de tarde. O prezo é de 15€ para as persoas asociadas de Castiñeiro e de 20€ para o público en xeral. É aconsellable anotarse se queres asistir enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com, chamando ao 616705174 ou por calquera das nosas redes sociais.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 22:00, aproximadamente. O grupo local d@s Foliadeir@s do Castro, serán os encargados de romper o xeo e comezar a foliada. Seguidamente Xaora será o grupo encargado de continuar a festa. Ao remate dos grupos, comezará a foliada aberta.

Agradecemos a Daniel do Pando e a Xaora a súa presenza na foliada e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

Advertisement

Fotos da presentación da cervexa

Deixamos algunhas das fotos do acto da presentación da cervexa, agradecendo aos asistentes a súa visita, a Alberto Curiel por prestarnos a “súa casa” para facer a presentación, aos Foliadeir@s do Castro e a Xaora por poñer durante horas a banda sonora ao evento.

presentacion4

presentacion5

presentacion2

presentacion3

Actos: Presentacion da cervexa do Festival 27373

Desde hai anos a asociación ten realizado numerosas actividades relacionadas co mundo da cervexa artesá. Fixemos cursos de elaboración, visitas a obradoiros, catas e maridaxe e, desde hai un tempo, a asociación ten a teima de facer unha cervexa propia. Grazas á colaboración con Alberto Curiel de cervexa Aloumiña, e logo de varias probas e experimentos, podemos anunciar que…

¡¡xa temos a nosa propia cervexa do Castiñeiro!!

A presentación vai ser o vindeiro sábado 26 de maio a partir das seis e media da tarde, no propio obradoiro da cervexería situado na rúa Tinería, nº 22 (Lugo). Ademais durante a presentación contaremos coa música tradicional dos Foliadeir@s do Castro e de Xaora, que van ser os encargados de poñer a banda sonora ao evento.

A 27373 é unha cervexa de trigo, que leva lúpulo Saaz, pela de laranxa e semente de coriandro, o que fai que sexa unha cervexa lixeira, doada de beber, ideal para os calorosos días de verán. Así que estades convidados e convidadas a pasar unha boa tarde-noite no barrio da Tinería en Lugo, probando a NOSA cervexa e escoitando música tradicional.

¡Ponme unha 27 e saúde!!

Os maios do 23

O vindeiro sábado 23 de maio, volvemos celebrar os maios grazas a Castiñeiro Milenario. Celebramos, como se fai desde hai séculos, a chegada da primavera, das flores, do verdor que o invade todo.

As actividades comezarán arredor das 17:30 no local da Asociación veciñal do Castro, que sempre colabora connosco nestes eventos. Este ano, as mestras da cerimonia primaveral serán algunhas das integrantes da asociación Xaora e con elas comezaremos a recoller fentos, xestas e flores cos máis cativ@s. Unha vez recollidas as plantas, os nenos e nenas comezarán a armar o seu maio e unha vez rematado cantarán e bailarán arredor del, celebrando esa primavera tan desexada. Toda esa actividade abrirá o apetito da cativada (e de seguro que tamén dos non tan cativos), así que terán garantida unha boa merenda, con chocolate quentiño e torta de millo.

Como non podía ser doutro xeito, os maiores tamén poderemos celebrar a primavera cunha cervexa da boa e algo para picar, todo iso ben adubado coa música que nos van brindar os tres grupos convidados a esta festa: Xaora (Lugo), Andarivel e a Asociación Folclórica San Xiao do Trebo de Cariño. Para rematar haberá foliada aberta a todo o que queira achegarse a botar unhas pezas.
Toda a actividade é de portas abertas para soci*s e non soci*os que lles apeteza achegarse ata Begonte.

Cartaz_Foliada_web

Fotos: Celebrando os maios

O día non era, posiblemente, o máis propicio, pero os de Castiñeiro Milenario estamos afeitos a loitar contracorrente, e nin o partido do século ou do milenio fixo que nos botaramos atrás e celebramos os nosos primeiros maios rodeados dun montón de rapazada, sabiamente dirixidos por Branca Villares, amenizados pola gaita de Pablo Galdo e polo grupo de música tradicional Xaora e ben alimentados grazas ao grande facer do noso mestre dos liscos, o grande chef, Eliseo.
Grazas a tod@s @os que vos decidistes a pasar unha xornada de aprendizaxe, esmorga e amizade. E grazas á Asociación de Veciñ@s do Castro por deixarnos facer as cousas no seu local.
Aquí vos quedan algunhas fotos dunha gran xornada.

Celebrando os maios 2014

Celebrando os maios 2014

Celebrando os maios 2014

Celebrando os maios 2014

Celebrando os maios 2014

Celebrando os maios 2014
<br
Podes ver todas as fotos no álbum Celebrando os maios en Flickr.

Celebrando os maios

O vindeiro sábado 24 de maio Castiñeiro Milenario vai celebrar os maios, unha festa antiga para celebrar a chegada da primavera, e abofé que este ano case temos a obriga de celebrala, despois do inverniño que tivemos que pasar.
As actividades comezarán arredor das 17:30 no local da Asociación veciñal do Castro, que sempre colabora connosco nestes eventos. Branca Villares será nosa mestra de cerimonias, comezaremos recollendo fentos e xestas e flores cos máis cativos. Unha vez recollidas as plantas, os nenos e nenas comezarán a armar o seu maio e unha vez rematado cantarán e bailarán arredor do maio, celebrando esa primavera tan desexada. Toda esa actividade abrirá o apetito dos máis pequenos, así que terán garantida unha boa merenda.
Máis cara a noite, os maiores tamén celebraremos a primavera cunha cervexa da boa e algo para picar, todo iso ben adubado coa música que nos van brindar os amigos de Xaora e posterior foliada aberta a todo o que queira achegarse a botar unhas pezas.
Toda a actividade é de portas abertas para soci*s e non soci*os que lles apeteza achegarse.

Así que, BENVIDA PRIMAVERA

maios2014_web

A %d blogueros les gusta esto: