Foliada de Outono 2018

Pois xa está aquí unha nova edición das Foliadas de Outono de Castiñeiro Milenario, como sempre na Casa do Pobo da Asociación Veciñal do Castro (Begonte)

Como sempre, comezaremos a xornada foliadeira cun tempo adicado á aprendizaxe da música tradicional. Nesta ocasión propoñemos un obradoiro de bombo que impartirá Miguel Anxo López “Chino”, recoñecido percusionista na escena da música tradicional, director da banda de gaitas Sons da Chaira e mestre na escola de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. Ademais forma parte de bastantes proxectos musicais, como Efecto Polilla, Acibreira ou Pepe Vaamonde Grupo. O obradoiro empezará ás 19:30 e terá unha duración aproximada de 90 minutos. Para @s asociad@s de Castiñeiro Milenario será de balde e un custe de 10€ para os non asociad@s. É preciso apuntarse se queres asistir e podes facelo enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou chamando ao 616705174.

Despois do tempo de formación, pasaremos aos petiscos para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 21:30, aproximadamente. Nesta ocasión estamos especialmente orgullosos da presenza dos dous primeiros grupos: Os Miñocas e os Airiños da Terra Chá, pois moitos dos seus integrantes teñen unha estreita relación coa nosa asociación. Así que abrirán a foliada, dirixidos polo gran Brais Monxardín, os nenos e nenas do grupo de música tradicional da escola de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, que viñeron a chamarse Os Miñocas e despois collerán o testemuño o grupo de veteran@s da mesma escola, Os Airiños da Terra Chá; para rematar por todo o alto, os marabillosos cantareiros de Trevellos que porán peche á foliada oficial. Ao remate da súa intervención, comezará a foliada aberta.

Como sempre, agradecer aos grupos que participan na foliada a súa presenza, a Miguel Anxo polas facilidades postas para desenvolver o obradoiro, a Brais Monxardín polo seu empeño para que a escola de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei estivera nesta foliada e, por último, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

1 comentario (+ o teu?)

  1. Trackback: Foliada de Outono de Castiñeiro Milenario | Culturalia GZ

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.