Actos: Os Maios e Foliada de Primavera 2022

Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera…

Deste xeito comezaba o anuncio da foliada da primavera de 2019.

2019

¿Quen podía pensar todo o que aconteceu estes tres últimos anos? Tres anos sen facer foliadas.

¡¡TRES!!

Pois semella que a espera rematou e volven as foliadas de Castiñeiro Milenario. Iso si, pregamos sentido e cabeciña porque a nova normalidade é de todo, menos normal.  Que a volta das foliadas non sexa o gromo para amolar a vida aos demais, polo que pedimos que todo o mundo sexa responsable, que intentemos gardar as distancias e aconsellamos o uso do tapabocas cando esteamos en interior, aínda que se o tempo acompaña, intentaremos estar no exterior.

Así que desta vai e empezamos a desenferruxar a maquinaria cultural como nos prestou sempre: coas nosas tradicións e as nosas músicas e bailes: ¡Aí vén o maio!

O sábado sete de maio, no local do pobo da Asociación Veciñal do Castro, a partir das seis comezaremos cun pequeno paseo para apañar flores, fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares faremos un maio e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera e dicir adeus ao cru inverno. Despois do maio teremos a presentación mundial de Xes o Mago, un rapaz que nos vai engaiolar cos seus trucos. Lembrade ben o seu nome e onde o vistes por primeira vez

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove, comezará a festa cos grupos locais, Foliadeir@ do Castro e a presentación de Treitoira. Despois, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

Agradecemos, como sempre, a Branca Villares, por ser a nosa ben querida meiga da primavera, pois sen ela os maios non son o mesmo; aos profes que nos van a axudar na presentación de Treitoira (Uxío, Chino e algunha sorpresiña máis que non podemos desvelar) e, por suposto, á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

1 comentario (+ o teu?)

  1. Trackback: CASTIÑEIRO MILENARIO.- Os maios e a foliada de primavera | Culturalia GZ

Deixar un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.